Nota de Prensa
Os deputados do PPdeG José Manuel Balseiro e Emma Álvarez salientan que o actual Goberno autonómico ampliou o crédito nun 200 por cen, pasando de 2 a 6,3 millóns de euros e está a axilizar os traballos de xeito que en novembro estarán concluídos na súa totalidade
A INEFICACIA DO ANTERIOR GOBERNO DA XUNTA RETRASOU A TRAMITACIÓN DAS AXUDAS PARA A RETIRADA DA MADEIRA DERRIBADA POLO KLAUS NOS MONTES
• A “redacción confusa, os prazos interminables e mesmo os condicionantes legais” da orde de axudas publicada polo bipartito o 15 de abril “impediron iniciar a tramitación dos expedientes ata mediados de xuño, xusto o momento en que remataban os prazos establecidos”.
• “O BNG de Lugo intenta desviar a atención cara o Klaus para que pasen desapercibidas as recíprocas acusacións entre o seu sindicato e o anterior reponsable da Delegación de Medio Rural en Lugo”.
• Os populares resaltan que, en menos de tres meses, a actual Xunta retirou toda a madeira afectada nos montes de xestión pública, tramitou 543 expedientes de solicitudes e revisou 123.000 metros cúbicos de madeira con conformidade dos seus donos, estando en proceso 21.000 metros cúbicos máis, mentres que outros 50.000 se adxudicarán de inmediato.
Santiago, 12 de setembro de 2009.- Os deputados do Partido Popular José Manuel Balseiro e Emma Álvarez Chao culparon hoxe á ineficacia do anterior Goberno da Xunta do retraso na tramitación das axudas para a retirada de madeira derribada polo Klaus nos montes. Nunha rolda de prensa ofrecida en Viveiro, os parlamentarios replicaron con datos ás declaracións feitas públicas nos últimos días polo coordinador do BNG na Mariña lucense en referencia a este tema e salientaron que o actual Goberno autonómico ampliou o crédito nun 200 por cen, pasando de 2 a 6,3 millóns de euros, e está a axilizar os traballos de xeito que en novembro estarán concluídos na súa totalidade.
“A tramitación administrativa e a situación actual do mercado da madeira relantizan os traballos”, apuntou Emma Álvarez, quen fixo referencia a que a “redacción confusa, os prazos interminables e mesmo os condicionantes legais” da orde de axudas publicada polo bipartito o 15 de abril “impediron iniciar a tramitación dos expedientes ata mediados de xuño, xusto o momento en que remataban os prazos establecidos”. Aínda que o prazo para a recepción de solicitudes rematou o 15 de maio, “recibíronse solicitudes ata mediados de xuño a través do Portelo Único, imposibilitando á Xunta a tramitar a aprobación das axudas ata a dita data”.
“O BIPARTITO TARDOU TRES MESES EN REACCIONAR”
Para os populares, “o BNG de Lugo intenta desviar a atención cara o Klaus para que pasen desapercibidas as recíprocas acusacións entre o seu sindicato e o anterior reponsable da Delegación de Medio Rural en Lugo”. Os nacionalistas, engadiron os deputados, “non están en condicións de inchar peito”. Así mesmo, lembraron que a Xunta non pode retirar madeira dos montes privados sen permiso expreso e por escrito do seu propietario e lamentaron que o BNG non tivera “esta celeridade que demostra agora saíndo á prensa tres veces en quince días co mesmo tema” cando o Klaus visitou Galicia entre o 23 e 25 de xaneiro pasado. “Daquela – indicou Álvarez Chao- o goberno bipartito tardou case tres meses en reaccionar”, en referencia a que a orde de axudas para apoiar a retirada da madeira afectada publicouse o 15 de abril, “cando xa perderan as eleccións”.
En contraste, os populares resaltan que, en menos de tres meses, a actual Xunta retirou toda a madeira afectada nos montes de xestión pública, tramitou 543 expedientes de solicitudes e revisou 123.000 metros cúbicos de madeira con conformidade dos seus donos, estando en proceso 21.000 metros cúbicos máis, mentres que outros 50.000 se adxudicarán de inmediato. Ademais, a Xunta, que incrementou o orzamento, comprometeuse a ter retirada en novembro a práctica totalidade da madeira afectada, que supón aproximadamente 258.000 metros cúbicos de 845 propietarios en 2.792 parcelas.
“Todo iso no marco da situación económica actual, que provoca a ralentización do mercado da madeira”, feito que “proba a vontade da actual Xunta por resolver este problema que afecta a un sector clave na Mariña occidental para o seu desenvolvemento económico”, indicou Emma Álvarez.



















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



