LUGO .- O presidente da deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que a Axencia Provincial da Enerxía comezará a funcionar nas vindeiras semanas e salientou que “é un proxecto de vital importancia, xa que se trata dunha fórmula de producir enerxía máis limpa e saudable. Na actualidade, a provincia de Lugo só xera unha cuarta parte de toda a enerxía que se consume. A pesar de que Galicia é unha das principais produtoras españolas, co 9,4% da enerxía de todo o país, os datos demostran que as catro provincias da Comunidade teñen que importar para satisfacer a súa demanda.
Nota de Prensa
Gómez Besteiro anuncia a posta en marcha da Axencia Provincial da Enerxía nas vindeiras semanas
– O Presidente da Deputación asina un convenio coa Fundación CONAMA para a realización do “3º Encontro Local de Pobos e Cidades pola Sostinibilidade” en Sevilla
– O organismo provincial informará nesta cita nacional, a que acudirán 300 persoas, sobre Lug02, Km0, Innova-TE ou o Centro de Recría Gayoso-Castro
– A Deputación aprobará nas vindeiras semanas un convenio coa USC, dotado de 234.000 euros, que otorgará 20 becas sobre medio ambiente e o turismo
– O Pazo de San Marcos acollerá a xornada “Profesionalización do turismo rural mediambiental” a que acudirán unhas 80 empresas e máis de 60 establecementos
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes, durante a sinatura dun convenio coa Fundación CONAMA, que nas vindeiras semanas porase en marcha a Axencia Provincial da Enerxía. Gómez Besteiro salientou que “é un proxecto de vital importancia, xa que se trata dunha fórmula de producir enerxía más limpa e saudable”.
O titular do organismo provincial incidiu en que esta iniciativa “é posible grazas ao apoio do Executivo de Zapatero, e ao xiro das súas políticas de actuación apostando, como fai a Deputación, polo medio ambiente como oportunidade económica, e polo desenvolvemento sostible”.
A Deputación presentou este proxecto ante a Axencia Executiva de Competitividade e Innovación (EACI), ubicada en Bruxelas, e ó abeiro da convocatoria 2008 de Propostas do Programa Enerxía Intelixente-Europa II (EIE). Con esta iniciativa vaise mellorar o aproveitamento dos recursos enerxéticos provinciais, así como a sensibilización das autoridades locais, as empresas e a cidadanía sobre a escaseza de recursos enerxéticos, e a necesidade dun uso racional e compatible coa economía e o medio ambiente.
Na actualiade, a provincia de Lugo só xera unha cuarta parte de toda a enerxía que se consume. A pesar de que Galicia é unha das principais produtoras españolas, co 9,4% da enerxía de todo o país, os datos demostran que as catro provincias da Comunidade teñen que importar para satisfacer a súa demanda.
Asinatura do convenio con CONAMA
O Presidente da Deputación firmou este martes un convenio coa Fundación CONAMA para a realización do “3º Encontro Local de Pobos e Cidades pola Sostinibilidade” que se celebrará en Sevilla, dende o vindeiro 30 de novembro, ata o 2 de decembro. Gómez Besteiro anunciou que “a Deputación estará alí representando á provincia, levando a voz de todos os Concellos”.
O titular do organismo provincial explicou que neste encontro, organizado por CONAMA, un colectivo referente en España en materia medioambiental, e responsable de actividades como o Congreso Nacional de Medio Ambiente, profesionais e axentes implicados no desenvolvemento local de toda España intercambiarán información e experiencias sobre o desenvolvemento sostible.
Gómez Besteiro subliñou que o obxectivo deste acto, ao que acudirán unhas 300 persoas, é “establecer prazos concretos, e instrumentos necesarios, para que todos os Concellos e pobos de España asuman as súas responsabilidades, e o medio ambiente sexa unha política estratéxica de actuación en todos os Gobernos”.
Formarse e informar
O máximo mandatario provincial explicou que a Deputación participará neste encontro “para formarse, e así seguir potenciando o medioambiente e o desenvolvemento rural dos Concellos, e para informar sobre as iniciativas que puxemos en marcha, e que xa causaron o interese doutras institucións”. Neste senso, Gómez Besteiro puxo como exemplo Km0 ou Lug02, “proxectos percibidos como verdadeiras iniciativas de desenvolvemento sostible”, incidíu.
O organismo provincial presentará no “3º Encontro Local de Pobos e Cidades pola Sostinibilidade” o Centro de Recría da Granxa Gayoso-Castro, o primeiro centro público en España, “onde o tratamento ambiental dos residuos será unha obsesión”. Da mesma forma, abordará Innova-TE, o proxecto da Deputación que fará que as novas tecnoloxías cheguen a todos os puntos da provincia.
Na sinatura do convenio entre a Deputación e a Fundación CONAMA estiveron Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada, a Deputada da Área de Economía, Regina Polín, o Portavoz do Partido Popular na Deputación, José María González Barcia, e Alcaldes e representantes dos Concellos lugueses de todas as cores políticas.
234.000 euros en becas
O Presidente da Deputación anunciou ademais que, na vindeiras semanas, o organismo provincial aprobará un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para a posta en marcha dun programa de prácticas profesionais becadas para xóvenes da provincia, e orientadas ao medio ambiente e ao turismo. O presuposto desta nova liña de actuación, que se enmarca dentro do proxecto Lug02, será de preto de 234.000 euros, dos que se beneficiarán un total de 20 recén titulados.
O programa inclúe 4 meses de prácticas en países de Europa e 8 en empresas ou organismos do ámbito do Lug02. Gómez Besteiro subliñou que esta iniciativa “permitirá aumentar as posibilidades de inserción dos nosos xóvenes titulados, primeiros como bolseiros, e logo como emprendedores”, e engadiu que “a nosa intención é iniciar as becas antes de finais de ano”.
Este convenio súmase a outras iniciativas postas en marcha dentro do programa europeo como o portal web para mellorar a comercialización dos produtos autóctonos das Reservas da Biosfera e do Courel, o Sistema de Información Xeográfica, ou a diminución da carga gandeira no medio rural.
Xornada sobre o turismo rural
O titular do organismo provincial adiantou que, o vindeiro xoves, dende ás 10:00 horas e ata ás 12:30 horas, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá a xornada “Profesionalización do turismo rural medioambiental”.
Trátase dun encontro no que unhas 80 empresas, e máis de 60 establecementos de turismo rural, coñecerán de primeira man o programa Lug02. Ademais, tamén se analizará a xestión ambiental dos locais, a aplicación das novas tecnoloxías, a páxina web como ferramenta de marketing, as subvencións ou axudas para actividades de turismo rural, entre outros temas.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



