Nota de prensa
ALFREDO LLANO E NEVES CANDO DIN QUE ACTUARON CON DILIXENCIA E CONFORME Á LEGALIDADE VIXENTE NO CASO DUN PUB QUE VEN DE SER CONDEADO POR EXCESO DE RUIDO. E CONSIDERAN QUE TODO ISTO SE PUIDO EVITAR SI O ANTERIOR REXEDOR ACTUASE COMO DEBERA.
Burela, 21 de xaneiro de 2011. O alcalde, Alfredo Llano, e a tenente de alcalde, Neves Cando, fixeron hoxe un balance da setenza sobre contaminación acústica contra un pub da vila. Llano e Cando aseguran que sempre actuaron con dilixencia e conforme á legalidade vixente e consideran que todo isto se puido evitar si o anterior rexedor actuase como debera. Alcalde e tenente de alcalde asinan o seguinte comunicado.
Con respecto á recente sentenza sobre contaminación acústica contra un pub de Burela, dende o Concello queremos facer as seguintes puntualizacións sobre as actuacións levadas a cabo neste tema dende xullo de 2007 cando asumimos o goberno municipal os abaixo asinantes:
PRIMEIRO
En abril de 2008 procedeuse á retirada temporal da licenza de actividade, con peche indefinido do establecemento, por deficiencias na seguridade do local e despois das denuncias recibidas e da inspección realizada pola Policía Local e o Aparellador Municipal.
Unha vez subsanadas as deficiencias, levantouse a sanción.
SEGUNDO
En xuño de 2008 ábrese expediente sancionador por presunta infracción medioambiental, despois de repetidas denuncias e acta de medición acústica da Policía Local.
Séguese todo o trámite administrativo de alegacións e proposta de sanción que conclúe coa clausura temporal polo prazo de 6 meses e multa de 3.000 €.
Ante novas denuncias por ruídos ao non acatar a sanción de clausura do local, dáse orde á Policía Local de precintado do local.
TERCEIRO
En agosto de 2009 cúmprese o período da sanción e levántase o precintado do local para proceder á insonorización.
Autorízase unha apertura provisional condicionando a definitiva ás medicións acústicas que se efectuarán e, feitas estas, dáse a apertura definitiva.
CUARTO
En abril de 2010 volven a facerse medicións acústicas ante novas denuncias por ruídos e ábrese un 2º expediente sancionador con paralización de actividade como medida provisional.
Neste momento tamén chega ao Concello unha sentenza do recurso contencioso administrativo presentado polos propietarios do local contra o peche do mesmo en 2008 e nela dáselle a razón ao Concello desestimando a demanda dos propietarios.
QUINTO
En xuño de 2010 solicítase ao Xulgado de Instrucción nº 2 de Viveiro a comunicación das actuacións adoptadas a fin de acordar, no seu caso, a suspensión do procedemento en vía administrativa até que recaia a correspondente resolución xudicial.
Remítese ao Xulgado de Instrución nº 2 de Viveiro copia de todo o expediente administrativo.
Polo tanto, dende o Concello de Burela:
-En todo momento, dende xullo de 2007, se actuou con dilixencia e conforme á legalidade vixente, iniciando e levando a cabo as actuacións precisas para dar cumprimento á lei, con este pub en cuestión e con outros tamén. Modificouse, igualmente, a Ordenanza Municipal de Ruídos para regulamentar ben todo este tema e para facilitar a conciliación destas actividades empresariais e o descanso da veciñanza.
-Lamentamos que se tivera que chegar aos extremos dun xuízo penal pero, no momento en que dende a parte denunciante se solicita a intervención do Xulgado, dende o Concello cumprimos as ordes deste.
-A esta situación final chegouse, entre outras causas, pola deixadez e irresponsabilidade política do anterior Alcalde de Burela que durante máis de un ano non deu curso ás reiteradas denuncias da veciña afectada e que motivaron unha situación insostible de convivencia.