Nota de prensa
Medio Ambiente require ao concello de Burela que contemple no PXOM a ampliación de capacidade da depuradora e da estación de tratamento de auga potable
*
O PXOM propón duplicar o número de vivendas ata 12.705 estrapolando a estimación de crecemento no período de máximo auxe construtivo, entre 2000-08, pero sen clarificar o seu horizonte temporal
*
A invasión de espazos de especial protección, e a falla de acreditación na clasificación dalgúns solos urbanos, son outras das deficiencias detectadas
*
Nas variantes ou estradas de circunvalación que se constrúan con obxecto de eliminar as travesías das poboacións, a liña límite de edificación situarase a 100 metros a partir da aresta exterior da calzada, en toda a lonxitude da variante
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu hoxe o informe previo á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Burela, en Lugo, no que se indican as correccións que o concello debe abordar no documento de planeamento. As correccións consisten en ampliación de infraestruturas hidráulicas, cambios nas clasificacións de solo e achega de documentación.
O concello xustifica un crecemento poboacional positivo cunha porcentaxe media do 1,7% ao ano. O PXOM prevé que se manteña este ritmo de xeito que os 9.536 habitantes actuais se convertirían en 15.820 no ano 2040. Sen embargo, no informe indícase que aínda que o plan insiste na insuficiencia da capacidade da actual estación de tratamento de auga potable (ETAP) e da estación depuradora de augas residuais (EDAR), as súas respectivas ampliacións non figuran contempladas na estratexia de actuación. Polo que deberá incluírse na estratexia de actuación e no estudo económico a ampliación desta infraestruturas hidráulicas, sinalando os seus custos.
Cómpre lembrar que a Xunta, dentro das subvencións para a tramitación de planeamentos, contempla un importe total de 109.844,10 euros para o PXOM de Burela. Ata o momento téñense aboados 21.968,82 euros correspondentes a 1ª fase (sinatura do contrato). Concedeuse ao concello de Burela unha axuda complementaria ao abeiro da Orde do 29 de xullo (DOG 09/08/2010) para adaptar os traballos do PXOM á Lei 2/2010 de 25 de marzo. O importe desta subvención complementaria ascende a 8.787,53 euros.
Dotación residencial
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo logo de analizar a documentación considera que no que se refire á dinámica edificatoria, o PXOM toma como referencia o número de vivendas construídas durante o período de maior auxe contrutivo 2000-2008, no que se acadaron as 227 vivendas ao ano. Na actualidade Burela ten 6.385 e o PXOM propón duplicar este número ata acadar as 12.705 vivendas. O que implica tamén un aumento das vivendas baleiras, o cal non é razoable, máxime cando ascenden a un 25% do total, segundo os datos do INE de 2001.
Destes datos o informe conclúe que o PXOM propón unha estimación do crecemento de vivendas extrapolando a longo prazo, o período de máximo auxe construtivo, xa que partir do ano 2009 constátase fonda regresión, pero sen clarificar o seu horizonte temporal. Na memoria, na estratexia de actuación e na memoria de sostibilidade económica menciónanse 10, 20 e 30 anos. Non obstante, no mesmo documento faise referencia ao esgotamento da EDAR cara o ano 2025, sen que se prevexa a súa ampliación.
Clasificación de solos urbanos
En relación o solo urbano cómpre xustificar a clasificación urbana establecida no núcleo de Vilar, pois non queda acreditado que se dean as circunstancias de acordo do artigo 11 da LOUG, semellando reunir requisitos para a súa clasificación como solo de núcleo rural.
Á vista da documentación achegada, tampouco reúnen as condicións necesarias para ser clasificados como solo urbano os terreos ao noroeste de A Casilla, os terreos sen servizos urbanísticos ao oeste da gardería municipal, ou os ubicados ao sur de Construcciones Mon, entre outros . Noutros ámbitos non se acredita a integración na trama urbana. O informe tamén detectou insuficiencia na regulación das ordenanzas no solo urbano.
Especial protección
Os solos urbanizables correpondentes coa zona da Marosa están situados dentro da franxa de 500 metros medidos dende a ribeira do mar, afectando a intereses autonómicos. O primeiro sector ocupa terreos de formacións vexetais costeiras asociadas aos cantís de punta das Laxes. Ambas zonas presentan significativos valores ambientais, polo que non se considera xustificada a súa transformación urbanística.
Nos solos urbanizables industriais, ao sur da Avda do Perdouro, e a carón da estrada de Vilastrofe, débese afondar na súa xustificación.
Outras consideracións
A análise achegada sobre o estudo informativo da autovía de conexión entre San Cibrao e Barreiros é incompleta, pois debería incluír documentación gráfica para avaliar a incidencia sobre o planeamento.
Nas variantes ou estradas de circunvalación que se constrúan con obxecto de eliminar as travesías das poboacións, a liña límite de edificación situarase a 100 metros a partir da aresta exterior da calzada, en toda a lonxitude da variante
Os terreos de cemiterio municipal están recollidos na categoría de solo rústico de protección de infraestrutura cando constitúe un uso prohibido nesta categoría de solo rústico, o cal inviabilizará unha eventual ampliación.
Os equipamentos deportivos clasificados como solo rústico de protección de costas, esixirán que se desenvolvan ao aire libre, coas obras e instalacións imprescindibles para o uso que se trate. En varios polígonos de solo urbano non consolidado as zonas verdes previstas sitúanse nas traseiras das edificacións residenciais, un erro que resulta incoherente coa Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUG).
























O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O encontro, aberto ao público, terá lugar na Casa Museo Álvaro Cunqueiro e será moderado por membros da propia asociación. A sesión busca reflexionar colectivamente sobre a posibilidade de que Mondoñedo aspire a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, abordando a cuestión desde perspectivas históricas, patrimoniais, artísticas, naturais e humanísticas. A actividade comezará ás 11:00 h e a organización anima a toda a veciñanza a participar e compartir opinións.
O Comité de Empresa de Alúmina‑Aluminio San Cibrao informa de que a Secretaría de Industria convocou ao comité á 19ª reunión de seguimento do acordo de viabilidade, que se celebrará o venres 15 de maio ás 12:30 horas na Delegación do Goberno en A Coruña. Unha vez rematada a reunión, o comité procederá a informar aos traballadores sobre os resultados e avances do encontro.
A participación estará aberta do 14 ao 18 de maio, e a persoa gañadora poderá escoller entre cinco modelos diferentes. A propietaria, Susana Moreira, fai un balance moi positivo desta década, na que o negocio evolucionou ata centrarse en mercería, venda de la e artigos artesanais elaborados por ela mesma. Ademais, ofrece arranxos de roupa e organiza cursos e talleres de ganchillo, calceta e bordado, como o previsto para o 23 de maio. A maior parte da clientela e das persoas que participan nas actividades son mulleres, aínda que tamén acoden nenos e mozos interesados en técnicas como os amigurumis.
Será este xoves, día 14 de maio, ás 19:00 horas no salón de actos do Concello. O mago Pedro Bugarín presentará o seu espectáculo titulado Galicia con maxia. Para esta actividade o Concello de Lourenzá conta coa colaboración da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.



