- El Franco acollerá desde o 13 de maio unha nova edición do Curso de Eonaviego de Falamos, unha formación gratuíta para persoas adultas destinada a promover o seu uso e coñecemento
O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
- 'Preto de ti' segue achegando ás parroquias ribadenses máis actividades para ás veciñas e os veciños
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
- Ortigueira rexistrou unha moi boa acollida nas actividades municipais de dinamización sociocomunitaria, que contan neste curso con case 500 persoas inscritas
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
- A estrada provincial LU-P-6103, de Trabada a Barreiros por Fórneas, sufre o corte dun carril -á altura do punto quilométrico 3,5- debido ao comezo dos traballos para estabilizar un talude
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
- O Casino de Navia acolleu este luns a entrega de premios do XVI Concurso de Pinchos e Tapas de Autor, que pecha esta edición cun récord de máis de 15.000 pinchos servidos
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
- Gabriel Vilar Longarela, do Valadouro, gaña en Santiago o XXII Trofeo Especial ao Mellor Cóctel con Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
- Trinta peregrinos de Barreiros completaron o pasado sábado a etapa O Cebreiro–Triacastela do Camiño Francés, dentro do programa anual da Asociación Camiñantes e Camiños, que percorre a ruta en oito etapas ao longo de 2026
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.