A DEPUTACIÓN CO PROXECTO “TODOS A XOGAR” PROMOVERÁ A ACTIVIDADE DEPORTIVA ENTRE MÁIS DE 100 COLECTIVOS E 35 CONCELLOS LUCENSES
Este proxecto, coordinado pola Fundación BALOGAL co financiamento da Área de Benestar Social e Deporte da Deputación, levarase a cabo desde outubro até abril
Antonio Veiga mencionou que cun orzamento de 200.000 euros “vaise chegar a máis de 2000 usuarios directamente, máis de 100 asociacións e 35 concellos”
LUGO, 24 de outubro de 2011. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta mañá na presentación da posta en marcha do proxecto “Todos a Xogar”, programa integral de dinamización social a través do deporte no medio rural na provincia de Lugo. Este programa, que pretende “achegar a actividade física a determinados grupos de poboación no medio rural dos concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes que polas súas características adoecen dunha escasa oferta neste ámbito”-segundo sinalou Antonio Veiga-, botará a andar na súa primeira fase xa neste mes e desenvolverase até abril do ano que vén. Na presentación, na que estiveron presentes os monitores e monitoras que executarán as actividades do proxecto, tamén participaron Antón Bao, presidente da Fundación BALOGAL, e Cristino Menor, director deportivo da mesma e coordinador do proxecto.
Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, fixo fincapé en que se trata “dun programa totalmente transversal, que implica desde o deporte ao benestar social, igualdade e xuventude, xa que pretende reactivar a actividade física nos segmentos de poboación que habitualmente non realizan deporte en concellos do rural nos que hai menos oportunidades”. Veiga indicou que esta proposta de dinamización da actividade física “non só se ofertará aos concellos, senón que tamén se desenvolverá en colaboración con colectivos de persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, etc., porque entendemos que, malia estar nunha época de recortes orzamentarios nas administracións, non se debe reducir o gasto en benestar social, como se aprecia por exemplo na Xunta de Galiza, xa que aumentaría as desigualdades entre a pobación”. Antonio Veiga mencionou que “o proxecto conta cun orzamento de 200.000 euros, co que se vai conseguir chegar a máis de 2000 usuarios directamente, máis de 100 asociacións e 35 concellos lucenses para desenvolver este proxecto social e deportivo, ademais da boa noticia a nivel de emprego xa que para levar a cabo o “Todos a Xogar” procedeuse á contratación de 25 mozos e mozas”.
Pola súa banda, Antón Bao quixo lembrar o importante traballo que desenvolve a Fundación BALOGAL, cunha compoñente social importantísima, achegando a práctica deportiva e un estilo de vida saudábel á poboación lucense, do mesmo xeito que lembrou que neste mesmo camiño tamén se levou a cabo outro proxecto, cuxa parte importante dos resultados se presentaron o pasado venres, chamado PECOIDEL, e que obtivo grandes resultados na loita contra a obesidade infantil traballando desde o ámbito escolar.
O programa “Todos a Xogar”, segundo explicou Cristino Menor, director deportivo da Fundación BALOGAL, estabelecerase en torno a catro eixos de acción:
-Axudamos a facer deporte: ciclo de compoñente formativa destinado a persoas á fronte de entidades públicas, asociacións, colectivos de índole deportiva para potenciar o máximo os seus recursos orientados ao fomento da actividade física (formación en materia legal, apoio administrativo, subvencións, xeración de recursos públicos, etc)
-Eu tamén xogo no Breo: fomento da actividade física para colectivos de necesidades especiais como persoas con discapacidade física, persoas en risco de exclusión social, etc.
-Obradoiros deportivos: fomentar costumes saudables a través do exercicio físico de xeito lúdico na franxa de idade escolar entre 1º e 6º de primaria, centrando os esforzos en concellos e lugares onde os nenos e nenas adoezan da posibilidade de facer actividades deportivas.
-Non te retires, volve a xogar: dinamización da actividade física xerontolóxica, xa que a poboación envellecida é unha constante nos concellos do rural lucense, co que se trata de ofrecer actividades de envellecemento activo e tamén xerar dinámicas sociais que favorezan o contacto entre persoas maiores moitas veces illadas por cuestión da dispersión xeográfica.
Todas estas actividades serán desenvolvidas a partires desta semana por 25 monitores e monitoras que cubrirán todas as comarcas lucenses. Desta maneira, as asociacións, colectivos e concellos que solicitaron unha actividade das catro anteriores contarán cunha persoa e co material necesario para poñer en marcha esa actividade dúas horas á semana, durante seis meses, até o vindeiro mes de abril do próximo ano.




















O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



