Nota de prensa
Goberno Central e Deputación organizan as primeiras xornadas de España para axudar a que as Reservas manteñan o seu distintivo
– Gómez Besteiro e López Izquierdo clausuraron os talleres, nos que participaron unha vintena de representantes das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas polo organismo provincial; e das de Allariz, Babia e Os Ancares Leoneses
– O Consello de Xestores de Reservas da Biosfera Españolas escolleu Lugo para iniciar estes seminarios técnicos debido ó traballo e interese demostrado pola Deputación para cumprir coas directrices de planificación e desenrolo marcadas pola UNESCO
– Os asistentes asinaron a denominada Declaración de Lugo, na que acordan promover un segundo obradoiro, no que cren que debería implicarse a Administración autonómica, e coordinar esforzos entre as Reservas para optimizar os resultados da súa xestión
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, clausurou este venres as primeiras xornadas técnicas que organiza o Ministerio de Medio Ambiente en España para facilitar e axudar a que as Reservas da Biosfera do país cumpran cos requisitos esixidos pola UNESCO para manter este recoñecemento, ante a avaliación que o organismo internacional realizará en 2012 e tendo en conta que máis da metade das 40 Reservas españolas incumpren na actualidade con ditas directrices de planificación e desenrolo. O Consello de Xestores de Reservas da Biosfera Españolas, dependente do Ministerio, elixiu a provincia para celebrar este primeiro seminario -dirixido especificamente ás Reservas do norte de España- debido ó interese e traballo que está realizando neste ámbito a Deputación, que colaborou co Goberno Central na organización das xornadas.
Nos talleres, que se desenvolveron entre o pasado mércores e hoxe baixo o título Xestión Adaptativa en Reservas da Biofera, participaron unha vintena de representantes de cinco Reservas: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas pola Deputación; Allariz (Ourense), e Babia e Os Ancares Leoneses (as dúas de Castela León), así como integrantes do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos, pois esta entidade está impulsando a declaración desta zona coruñesa como Reserva da Biosfera.
Gómez Besteiro subliñou na clausura dos obradoiros que a Deputación está comprometida co mantemento das dúas Reservas que xestiona, no marco da súa aposta por poñer en valor “a gran riqueza natural da nosa provincia” como ferramenta para favorecer o desenvolvemento socioeconómico, freando o despoboamento demográfico e creando emprego. O Presidente expresou así mesmo o seu agradecemento ó ‘alma mater’ dos talleres, Antonio San Blas, por “confiar en nós dándonos a oportunidade de poder celebrar a primeira edición en Lugo”, e tamén pola “axuda, experiencia e dispoñibilidade que o Consello de Xestores de Reservas da Biosfera Españolas sempre nos presta” para a adaptación ás directrices da UNESCO.
Os poñentes dos obradoiros foron seis expertos en Reservas: Tomás Rueda, xerente da Reserva de Las Nieves e presidente do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera; Antonio San Blas, xerente da Reserva de La Palma e secretario do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas; Luciano Sánchez, secretario do Consello Científico do Comité Men&Biosfere; Sonsoles López Izquierdo, Deputada Provincial de Medio Ambiente, e Andrea Macho, xestora das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.
Declaración de Lugo
Os participantes no seminario asinaron a denominada Declaración de Lugo, na que cualifican de “moi positivos” os resultados das xornadas polo que supuxeron de “debate, contraste de ideas e opinións, e ampliación de información”, ademais de acordar, entre outras cuestións, promover a celebración dun segundo obradoiro, ó que consideran que deberían incorporarse “no fondo e na forma” a Administración autonómica, así como coordinar esforzos entre as Reservas para optimizar os resultados da súa xestión. Neste senso, propoñen iniciar os traballos necesarios para constituír a Rede Galega e a Rede de Castela e León de Reservas da Biosfera. Por outra banda, lamentan que non asistisen ó encontro ningún representante das Reservas do Principado de Asturias.
Situación de Terras do Miño e Os Ancares
Terras do Miño e Os Ancares Lucenses cumpren dous dos tres requisitos fundamentais esixidos para manter o recoñecemento:
– Órganos de xestión: A Deputación concluíu a mediados de novembro o proceso de constitución da estrutura de dirección das Reservas, conformada polos Consellos Reitores, encargados da toma de decisións e execución de medidas, e os Órganos de Participación, cos que se abriu á participación de Concellos e cidadanía a xestión destes espazos protexidos e que teñen como funcións a consulta e proposta de ideas.
– Zonificación: A Deputación conta tamén con esta ferramenta, aínda que, no seu ánimo de mellorar a xestión das Reservas, procederá a actualizala, para o que contará coa colaboración da Universidade de Santiago. Trátase da división do territorio incluído nas Reservas en función do seu grao de protección ambiental e usos. O obxectivo é que a súa actualización estea lista en 2012.
– Plan de Acción: O organismo provincial traballa na redacción desta ferramenta, que definirá as liñas estratéxicas de actuación a levar a cabo nestes espazos naturais nun período de dez anos. Neste senso, a institución non parte de cero, pois conta xa con experiencias que deron bos resultados desenvolvidas no marco do programa medioambiental Lug02. Os Órganos de Participación farán propostas e debaterán os plans de acción e os Consellos Reitores aprobaranos, previsiblemente o próximo ano.























Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



