Balanzo ambiental de 2011 e perspectivas ecoloxistas para o 2012
2012Compostela, xaneiro de 2012. Coa natureza do país abandonada á súa sorte en 2011, 2012 comeza coa dúbida de se o enésimo machetazo ao ambiente virá dende a Xunta ou do Estado. Atrás queda un Ano das Florestas no que os montes galegos de maior valor ecolóxico sufriron cos lumes un retroceso histórico. Coma nun bucle, a incineración rexurde 20 anos despois en perversa metástase no sur, outra volta da man da Xunta do PP. O territorio, o noso máis valioso recurso, viu multiplicadas as agresións con recortes lexislativos e unha planificación insustentábel. O acontecido en Barreiros, onde o incumprimento das leis e o desbaldimento de cartos públicos promovidos dende as administracións, dá a medida da corrupción dun sistema e agresivo co ambiente, co patrimonio e cos dereiros sociais. 2012: un ano de crise ambiental e social que ADEGA afronta coa experiencia e o compromiso de máis 36 anos de loita ecoloxista.
Residuos: o que mal comeza, mal acaba. O Plano de Residuos do PP trouxo debaixo do brazo o agardado: máis incineración. No entanto tivemos que agardar case un ano para coñecer a ubicación proposta para a nova incineradora (O Irixo), logo de que a Xunta atendera primeiro aos seus intereses políticos para esquivar posíbeis repercusións eleitorais. Feijóo e Hernández pretenden reproducir no sur o fracaso de SOGAMA, un modelo caduco, ruinoso para os concellos, insolidario coa cidadanía e perigoso para a saúde e o ambiente. No 2012, este vai ser unha das principais loitas, na que ADEGA non vai escatimar recursos. Informar á cidadanía, estimular a resposta social, interpoñer denuncias administrativas e xudiciais perante todas as instanciascompetentess, todo para levantarlle as saias a SOGAMA e amosar as vergoñas da incineración á sociedade. A incineración en Galiza é unha opción política, non técnica nin moito menos legal, e o camiño para tombala fica pois claro.
No ano das Florestas, máis lume e especulación; e en 2012, máis eucaliptos: A maquinaria da especulación capitalista ten en 2012 un obxectivo claro: penetrar nos nosos montes e afortalarse no mundo rural. O instrumento: seus factótums políticos na Xunta e no sector forestal e pasteiro; o veículo: a castración da lei de Defensa contra os incendios, e as novas leis de Montes e de Man Común, cos seus regulamentos que verán a luz en 2012. ADEGA continuará tecendo redes e promovendo sinerxias coas organizacións con presenza no mundo rural e que acreditan no seu futuro sustentábel, fronte ao derrotismo e a inoperancia do conselleiro “el mundo rural está condenado a desaparecer”, para o que pedimos o cese despois dos catastróficos lumes do outono pasado. Non nos resignamos ao andazo dos lumes: teñen cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións. Esa é a broza que cómpre limpar axiña. Tampouco imos ficar impasíbeis vendo como millóns de eucaliptos transxénicos recolonizan os montes mentres os responsábeis da conservación da biodiversidade convirten ao país nun enorme couto de caza: a escopeta nacional de Juárez e Borregón.
Enerxía: privilexios para uns poucos, impactos para tod@s. Para a ONU, o 2012 será o ano da “enerxía sustentábel para todos”. En Galiza, o 2012 será o dunha nova vaga de eólicos en prácticamente calquera curuto. E de novo, coma durante o fraguismo, os beneficios para uns poucos amigos, xa non masaxistas, cuñados e mulleres de alcaldes, senón grupos de investidores afíns ao poder e ás grandes empresas enerxéticas, retiro dourado de políticos xa amortizados. O concurso eólico do PP foi concebido para camuflar a enaxenación dos nosos recursos naturais aos tabeiróns da especulación enerxética, alén de levar como un parasito apegado unha nova incineradora. Tratábase de re-privatizar o vento e os refugallos, privatizando os custos e socializando os impactos: desenvolvemento para uns poucos sustentado por todos/as.
No litoral, rodaballos e salmóns que non falten. Co Plano Director de Acuicultura, Feijóo non só deu por boas as ubicacións do contestado Plano Acuícola do bipartito, senón que foi máis aló: as piscifatorías poderán ir… onde diga a conselleira (ou millor dito, Pescanova). Todo comezou en 2010 co pomposo POL, que de tantas execepcións, na prática permitía case todo a criterio da administración. Despois, co “experimento” das gaiolas de salmón, a Xunta deixou claro de que lado estaba: do da macroacuicultura industrial, a que pretende convertir o noso litoral nun inmenso polígono industrial para lucro das multinacionais do peixe con antibióticos, ao estilo do acontecido en Chile. E ao igual que no cono Sur, serán a pesca e o marisqueo tradicional e o ecosistema das nosas rías os que pagarán as consecuencias. Nestes intres, fronte á ameaza das macroplantas de peixes de plástico só estamos os ecoloxistas e a crise: a falla de subvencións europeas á macroacuicultura está a demorar desfeitas coma a de Touriñán, mais en 2012 podería racharse este equilibrio.
Rede Natura? Barata, barata… canto che poño? Despois de agardarmos 7 anos pola ampliación da Rede Natura galega, este pasado decembro pariron os montes: o resultado, unha ampliación misérrima que fai que sigamos á cola do estado. Galiza, malia a contar cunha das biodiversidades máis ricas de Europa, acadará en 2012 o 15% de Rede Natura, lonxe da media estatal (28%) e do territorio protexido nas autonomías veciñas: Castela e León, 26% e Asturies, 29%. A isto hai que engadir un Plano Director, orientado á deconstrución dos valores naturais destas áreas: permítense case todos os usos, incluidos os construtivos, en máis do 70% Rede Natura, e nas zonas de maior valor permítense piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, recualificar solo rústico… a discreción do Sr. conselleiro. Marchando “cuarto y mitad” de Rede Natura!
Territorio e urbanismo: malversando a toda costa. En 2011 caiu definitivamente a careta do boom urbanístico confirmándose tamén a perversa interconexión entre o ladrillo e o poder. O caso Barreiros supón a demolición controlada dun marco legal que puña límites ao todo vale, incluido o desvío de cartos públicos aos bandullos dos especuladores. Esta vía de auga aberta pola Xunta na xestión do territorio deixa baleira de contido toda a lexislación urbanística previa substituíndoa pola arbitrariedade e a discrecionalidade do governo. É o “urbanismo real” que invocaba Hernández para “solucionar os problemas” do urbanismo legal: as leis e normas teñen o feo vicio de limitar e prohibir a política dos feitos consumados. Mais os ataques ao territorio non se limitaron a Barreiros: modificacións á carta da Lei do Solo, eliminación de molestos trámites ambientais e como colofón, unha Lei de Industria que permitirá montar unha incineradora na mesma praza do Obradoiro se fixera falla e inxectarlle a dedo cantos fondos públicos precise.
O 2012 xa non traerá a fin do mundo supostamente pregoada polos maias, mais en Galiza a nosa natureza está a piques de irse polo sumidoiro. Dende ADEGA animámosvos a loitar connosco por un futuro digno para o territorio e os que habitamos nel, centrado na conservación e uso sustentábel do noso patrimonio (natureza, cultura, lingua…) fronte á depredación, a mercantilización ambiental e o lucro desmedido que promoven os de sempre.























Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



