ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA APERTURA DA VI FEIRA DE ARTESANÍA DO FERRO DE RIOTORTO
O alcalde de Riotorto destacou a importancia “a nivel económico e turístico que a artesanía do ferro acadou grazas ao traballo de promoción que se fixo nestes anos”
Riotorto, 15 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga participou esta mañá na inauguración da VI Feira da Artesanía do Ferro en Riotorto, acompañado do alcalde de Riotorto, o tamén nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, o deputado provincial Xosé Ramón Val, e outras autoridades e corporación municipal.
Na súa intervención ante a veciñanza, o alcalde de Riotorto destacou “a importancia que a artesanía do ferro ten para o concello de Riotorto non só desde o punto de vista etnográfico ou da tradición, senón tamén como un motor económico que sexa capaz de xerar emprego e riqueza, ademais de ser unha fonte de atracción do turismo, xa que grazas a este evento de posta en valor da nosa tradición ferreira o noso concello queda situado no mapa de Galiza para os lucenses, galegos e persoas do resto do Estado que nos acompañan”. Neste sentido apuntou que “temos que agradecer á Área de Cultura da Deputación de Lugo o seu apoio para contribuír a que a tradición do ferro se erixa como un piar de desenvolvemento económico e social para Riotorto, xa que é esta unha feira que se consegue organizar sen que o Concello de Riotorto teña que asumir custes”.
Os actos de apertura da VI Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto contaron coa actuación dos “Gaiteiros de Riotorto” e tamén do coro municipal, para pasar logo a unha demostración en vivo de forxado e traballo co ferro tal como se fixo sempre en Riotorto. As autoridades tamén puideron presenciar varias demostracións en vivo da realización de pezas en ferro doutros lugares, como a ofrecida polos ferreiros da Fonsagrada, ou o obradoiro de ferro a cargo do ferreiro austríaco Friedrich Bramsteidl. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, coa compaña do alcalde de Riotorto, aproveitou para percorrer os postos dedicados á exposición de artesanía, que incluían outro tipo de produtos a maiores dos realizados con ferro, como produtos gastronómicos e ecolóxicos, pratería, cestería, vidro, liño ou traballos de coiro.
Esta é a VI edición dunha Feira da Artesanía do Ferro que cada ano que pasa medra en interese e poder de convocatoria entre as xentes non só do propio concello, senón tamén das comarcas próximas e de toda Galiza, ademais de convocar a un número moi alto de expositores, arredor de 80. Non en van, as persoas que asisten poden gozar durante todo o día de demostracións en vivo e obradoiros do ferro para os máis pequenos.
Esta completa xornada inclúe tamén actividades lúdicas como pasarrúas a cargo da Charanga Aires do Padornelo, un obradoiro de olaría a cargo de Vos de Laura de Buño e un taller de talla de madeira a cargo de Jesús Igrexas de Ortigueira. Tamén houbo un taller de Carbón Vexetal a cargo de Diego da Pasada.
Houbo tamén demostración en vivo da artesanía do ferro con Alberto Leis de Santiago de Compostela, os Ferreiros de Riotorto, os ferreiros da Fonsagrada e Enforjarte realizarán unha demostración en vivo dos seus traballos.
A continuación houbo animación de rúa a cargo da Compañía A Boneca Lareta co espectáculo O Cego e o Lazarillo, paseando en zancos polo medio da xente, como tamén houbo ás 13.30 horas animación de rúa a cargo de Volta e Dálle co espectáculo Buqueiras.
Pola tarde, ás 17.00 horas, pasarrúas a cargo da Charanga de Aires do Padornelo e demostración en vivo da artesanía do ferro con Alberto Leis de Santiago de Compostela, os Ferreiros de Riotorto, os ferreiros da Fonsagrada e Enforjarte; e un taller infantil do ferro a cargo de Friedrich Brasmsteidl.
Ás 18.00 horas, animación de rúa de novo a cargo de Volta e Dalle co espectáculo Buqueiras, para ás 20.00 horas, como peche da VI Feira de Artesanía do Ferro, actuación da Banda de Música de Sober.
Remitido