O Observatorio organiza o II CONCERTO MÚSICAS E LETRAS EN FEMININO
O concerto terá lugar o vindeiro venres 1 de xuño ás 21.30h no Cine-Teatro de Ribadeo
O próximo venres 1 de xuño terá lugar, ás 21.30h no Cine-Teatro de Ribadeo, o II CONCERTO MÚSICAS E LETRAS EN FEMININO. O evento, que na súa primeira edición -o ano pasado, en Mondoñedo- contara coa actuación de Ugia Pedreira e Fred Martins e do grupo de pandereteiras Alesancia, ten como obxectivo a promoción da creación artística das mulleres galegas, tanto das que se achegan ás diferentes artes dunha forma amateur,de desenvolvemento persoal, como daquelas que forman parte de proxectos artísticos profesionais.
Para esta II edición contaremos cunha das artistas galegas máis recoñecidas nacional e internacionalmente, Uxía, que estará acompañada do músico brasileiro Sérgio Tannus. Uxía Senlle, que vén de recibir o Premio La Opinión á Mellor Artista 2012, interpretará temas de diferentes momentos da súa fértil e exitosa carreira, da que o último chanzo é o disco Meu Canto (Do Fol, 2011), que figurou entre os discos máis destacados do ano nas listas europeas do world music. Para o Observatorio é un luxo que artistas da talla e da calidade de Uxía colaboren connosco nun evento coma este, dando así a posibilidade aos nosos veciños e veciñas de participaren e asistiren a actividades culturais de primeiro nivel.
Ademais de Uxía, tamén contará este II Músicas e Letras en Feminino con outras dúas actuacións: por un lado Naír e Noemí, dúas das compoñentes do grupo de Meira Irimia Cantareiras, mozas dun enorme talento que están a comezar as súas carreiras artísticas e que se achegan á música tradicional dunha forma fresca e innovadora, e por outro a Coral Polifónica de Ribadeo, unha entidade cultural imprescindible na nosa vila e unha formación de referencia na música coral galega, en cuxa dirección leva máis de 25 anos Mari Carmen Rodríguez Cancelo.
Asimesmo, entre as actuacións musicais, rapazas do IES Dionisio Gamallo Fierros e do IES Porta da Auga de Ribadeo lerán diferentes textos poéticos de autoras vinculadas á Mariña, como Luz Pozo, Olalla Cociña, Marica Campo, Luísa Castro, Carmen Blanco ou Ugia Pedreira.
Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade seguimos a apostar, con este tipo de actividades, por valorar e visibilizar a creación artística – xa sexa profesional ou amateur – das nosas mulleres, neste caso músicas e escritoras. Entendemos que aos poucos o Letras e Música en Feminino chegará a consolidarse na Mariña como un evento cultural feminista de referencia, cun formato innovador e cunha sede fixa (todas as vilas da nosa comarca o irán acollendo nos vindeiros anos).
No concerto deste ano o prezo xeral da entrada será de 3 euros, 1 euro para o estudantado.