OS SOCIALISTAS DE CERVO CONSIDERAN LAMENTABLE QUE VILLARES APROVEITARA A HOMENAXE Ó XUBILADO PARA ATACAR A OPOSICIÓN
-Dende o GMS destacan que “foi unha pena que ó lembrarse tanto de nós, se esquecera de explicarlles ós presentes algunha das iniciativas que ten en mente para paliar os danos que sufrirán cos recortes do PP”
-Moitos dos asistentes á comida “sentíronse avergoñados pola actitude do alcalde e destacaron a ausencia de aplausos ante tales declaracións”
CERVO, 5 DE MAIO. A actitude do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, durante a comida celebrada en Viveiro con motivo dos actos do Día do xubilado non pasou desapercibida para a maioría dos asistentes, “moitos son os que nos transmitiron os feitos e aseguraron que aproveitou moi ben a ocasión para criticar a non asistencia ó banquete dos membros da oposición”.
Os socialistas entenden “lamentable que se utilice a homenaxe ós xubilados para facer política. E así o entenden tamén os asistentes á comida, pois eles mesmos se sentiron avergoñados pola actitude do señor Villares e destacaron a ausencia de aplausos ante tales declaracións de ataque ós concelleiros da oposición por parte do alcalde”.
A falla de tacto do noso representante municipal puido ser substuida por un discurso dirixido ás persoas homenaxeadas, pero “ó lembrarse tanto de nós, olvidouse de explicarlles ós presentes algunha das súas iniciativas para paliar os danos económicos que van sufrir tódolos xubilados coa posta en marcha dos recortes do Partido Popular. Recortes que afectarán ás pensións con motivo do incremento do IRPF, a super-subida da auga e do IBI, o copago dos medicamentos, os servizos que van deixar de recibir ou a merma dos que seguirán recibindo”.
O pasado 1 de maio era o día para disfrutar cos maiores, persoas que máis van sentir os recortes dos seus compañeiros de partido, pero Villares só estaba preocupado dos seus propios intereses e fixo, sen reparo algún, un uso partidista da festa”.
Idea de socialistas
Por outra banda, os membros do GMS lembran que “foi un alcalde socialista quen instaurou o Día do Xubilado e polo tanto, non admitimos o apadriñamento cansino da festa por parte dos populares de Cervo. Faltan ideas e innovación para esta reunión que naceu co único fin de homenaxear ós máis maiores do concello e que agora outros utilizan con fins políticos. Ideas que se deben axustar ós tempos nos que vivimos, insistimos en que esta festa se podía celebrar igual prescindindo de moitos gastos”.