O titular da Xunta presidiu, este mediodía, o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2012
FEIJOO AFIRMA QUE OS GALEGOS PODEMOS SENTIRNOS ORGULLOSOS DE QUE, DEZ ANOS DESPOIS DO PRESTIGE, GALICIA CONTE HOXE CON MÁIS DO DOBRE DE BANDEIRAS AZUIS QUE TIÑA ANTES DO ACCIDENTE
Recoñece o esforzo colectivo para lograr que nunha de cada seis praias galegas ondee a bandeira azul
Destaca que ser unha comunidade solvente xera confianza “e a confianza –di- é un estímulo fundamental para superar as incertezas que pesan sobre España”
Lembra que neste logro teñen que ver decisións estruturais para fomentar a protección da beiramar, como as Directrices de Ordenación do Territorio ou o primeiro Plan de Ordenación do Litoral; e tamén a acción coordinada do conxunto das administracións públicas
Galicia segue, un ano máis, á cabeza das comunidades coas súas 126 praias con bandeira azul, 9 máis que en 2011. En portos, con 17 bandeiras, 4 máis que o ano pasado, ocupa o terceiro posto español
Felicita aos 36 concellos distinguidos e anima aos representantes municipais e aos cidadáns a seguir “nesta liña de atención e coidado das nosas praias, dos nosos portos e, en xeral, do noso litoral”
Foz, 22 de xuño de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este mediodía que os galegos podemos sentirnos orgullosos de que, dez anos despois do Prestige e a uns meses de celebrarse o xuízo, teñamos sido capaces de que Galicia conte hoxe con máis do dobre de bandeiras azuis que tiña antes do accidente.
Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2012, Feijóo recoñeceu o esforzo colectivo que ten feito posible que nunha de cada seis praias galegas ondee a bandeira azul porque “é –dixo- o sinal de confianza que quere mandar Galicia ao resto do mundo desde o punto de vista do turismo”. “Ser unha comunidade solvente xera confianza e a confianza, resaltou, é un estímulo fundamental para superar as incertezas que pesan sobre España”.
Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico lembrou que neste logro teñen que ver decisións estruturais encamiñadas a fomentar a protección da beiramar, como as Directrices de Ordenación do Territorio, “as primeiras”, ou o primeiro Plan de Ordenación do Litoral; dous documentos que permitiron dotar de estabilidade normativa aos 1.500 quilómetros que configuran a costa galega e que supoñen a cuarta parte do territorio costeiro español; “e tamén –engadiu- a acción coordinada do conxunto das administracións públicas”.
En relación a este segundo punto, Feijóo subliñou que este labor coordinado fixo posible unha progresiva mellora das condicións de accesibilidade, de infraestruturas e servizos das praias galegas. “Froito dese labor coordinado e tamén dunha crecente concienciación social do valor do noso litoral, Galicia foi convertendo a regalía natural da beiramar nun referente de cantidade e de calidade de espazos costeiros axeitados para mostrar o que somos”.
O xurado internacional dos distintivos Bandeira Azul acordou concederlle a Galicia un total de 143 distincións, das que 126 corresponden a praias e 17 a portos deportivos. Na actualidade, Galicia ten contabilizadas 772 praias distribuídas entre os 84 concellos costeiros, o que equivale a case unha cuarta parte dos areais españois, e uns 122 portos e instalacións portuarias de competencia autonómica sen contar os portos de interese xeral do Estado.
O titular da Xunta destacou que Galicia segue un ano máis á cabeza das comunidades autónomas coas súas 126 praias con bandeira azul, 9 máis que no ano 2011. Mentres en portos, con 17 bandeiras, 4 máis que o ano pasado, Galicia ocupa o terceiro posto español.
Así mesmo, afirmou que todas estas bandeiras son un ingrediente de enorme importancia non só para xeneralizar a responsabilidade ambiental da sociedade, senón tamén para poder continuar mantendo o sector do turismo en parámetros estables, pese a crise económica, tal e como demostra o feito de que o número de viaxeiros que chegan a Galicia non diminuíu no que levamos de ano, fronte a unha baixada do 1,4% no total de España.
Feijóo concluíu felicitando aos 36 concellos distinguidos con estas bandeiras azuis e animando aos representantes municipais e aos cidadáns a seguir apostando por manter estes distintivos de calidade, “a seguir nesta liña de atención e coidado das nosas praias, dos nosos portos e, en xeral, do noso litoral”.
Un turismo do século XXI
No eido do turismo, Feijóo, que esta mañá tamén visitou as novas instalacións do complexo hoteleiro Las Sirenas, en Viveiro, afirmou que Galicia ten que ser un destino cunha única marca Galicia pero ben deseñada desde o punto de vista de contido. “Por iso –recordou- deseñamos unha Lei de Turismo para un turismo do século XXI e deseñamos unha Galicia dividida en 14 xeodestinos, en 14 posibilidades diferentes e unha delas é a Mariña luguesa”.











Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



