O PSOE denuncia que a Xunta despilfarre 200.000 euros nun albergue de Portomarín que só abrirá 30 días ó ano como máximo
– Concepción Burgo critica que, mentres o Goberno Central desmantela os servizos públicos con drásticos recortes, o Executivo Galego faga este investimento nun edificio que foi pechado polo Alcalde con anterioridade, e que agora só estará en servizo en situacións de emerxencia
– A Parlamentaria, quen sospeita que esta axuda obecede a fins particulares e non a interese público, lamenta que por primeira vez a ANPA do colexio tivese que suspender as actividades nestas instalacións porque o Rexedor rexeitounos
– A Secretaria de Cultura dos Socialistas denuncia que a Xunta malgaste os fondos públicos e non os destine a potenciar o Camiño cando está a ser unha das principais opcións turísticas neste momento económico
A Parlamentaria e Secretaria de Cultura do PSdeG-PSOE de Lugo, Concepción Burgo López, denuncia que, mentres os Gobernos do Partido Popular –Central e Autonómico- continúan co desmantelamento dos servizos públicos debido á drástica política de recortes, a Xunta de Galicia despilfarre os fondos públicos levando a cabo actuacións que non garanten o retorno económico para os Concellos nin teñen unha utilidade para os veciños. Refírese Burgo á concesión por parte da administración autonómica de 200.000 euros para a ampliación do albergue municipal de Portomarín, un edificio que, tal e como recoñeceu publicamente no Pleno de xuño o Alcalde desta localidade, Juan Serrano, “só abrirá as súas portas en situacións de emerxencia, e non de forma continua. Como máximo 30 días ó ano”.
Neste senso, Concepción Burgo criticou que o Executivo Galego priorice unha actuación con estas características nos Orzamentos da Secretaría Xeral para o Turismo de 2012, e que, xunto coa reforma do edificio da Pousada, suporá un investimento próximo ó millón de euros. “Coa que está caendo, cos recortes recentemente aprobados que só aumentarán o desemprego e empeorarán o empobrecemento económico do país, o señor Feijóo decide regalarlle ó Alcalde de Portomarín máis de 30 millóns das antigas pesetas para un albergue que só vai abrir un mes ó ano. Os socialistas preguntámonos que pensarán os veciños deste municipio e todos os lucenses. Como pode ser que nos suban o IVE, que reduzan a prestación do paro ou que os nosos maiores teñan que pagar máis polos medicamentos e que, por outra banda, sí haxa cartos para un albergue que non vai ter practicamente ningunha utilidade pública?”.
A Secretaria de Cultura denunciou, ademais, a ambigüidade do proceso de xestión de dita subvención, pois dende que o actual Rexedor chegou á Alcaldía, estas instalacións pecháronse ó público, abrindo só de vez en cando e sen un horario fixo. Ademais, as dependencias nas que se vai ampliar o albergue eran empregadas ata o de agora pola ANPA do colexio Virxe da Luz para o desenvolvemento de actividades extraescolares. Por primeira vez, este verán as accións formativas non se celebrarán en dito lugar debido a que o Alcalde non aceptou a proposta deste colectivo. Os pais e nais xa denunciaran irregularidade como que os menores eran obrigados a compartir o espazo e aseos cos peregrinantes.
“A falta de previsión e os motivos para os que se outorgan estes cartos creo que están claras. Eu pregúntome se non haberá intereses particulares polo medio, xa que como pode ser que primeiro o Alcalde queira pechalo e agora lle pida a Feijóo que o abra?. Cren vostedes que ampliar o 50% das camas, unha cociña, a lavandeiría e as salas de estar nun albergue que case non vai ser utilizado son obras necesarias e prioritarias nestes momentos para trinta días ó ano? E que pasa agora cos nenos que se quedan sen actividades extraescolares”, sentenciou Concepción Burgo.
Para a Parlamentaria socialista esta gasto aínda está máis inxustificado se cabe se se ten en conta que o Goberno municipal está pensando en adquirir a Casa Sindical. Por este motivo, os socialistas cren que o Alcalde vén podía destinar parte destes investimentos da Xunta na compra e rehabilitación de edificios, que son patrimonio de todos, como o Pazo do Xeneral Paredes ou a Casa do Médico; edificio este último que, precisamente, hai un ano foi visitado pola ex Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, co compromiso de aproveitar estas instacións para construír un Centro de Día, “compromiso do que hoxe nada se sabe, polo que semella que quedou no olvido dos responsables da Xunta de Galicia e do goberno municipal de Portomarín”.
A Xunta desperdicia as oportunidades que ofrece o Camiño
Con 800 quilómetros, Lugo é a provincia co maior número de quilómetros de rutas Xacobeas e a porta de entrada por excelencia a Galicia. Tendo en conta isto, Concepción Burgo lamentou que a administración autonómica malgaste os fondos públicos en actuacións que non teñen ningún retorno económico para os Concellos nin unha utilidade pública clara, e que non os destine a potenciar o Camiño. Criticou que a Xunta de Galicia non sexa capaz de aproveitar as sinerxias que ofrece, dado que constitúe unha “fonye extraordinaria de captación económica” e está a ser unha das opcións máis elexidas polos españois como destino das súas vacacións. Proba delo é que o único sector do turismo que resiste a crise nestes momentos é o vinculado ó Camiño. No que vai de 2012 chegaron a Santiago máis 55.000 peregrinos, un 9% máis que en 2011.
Neste senso, destacou que a xestión ineficaz da Xunta de Galicia está a repercutir negativamente no sector turístico galego. E é que, dende que Feijóo é Presidente, as pernoctacións baixaron en Galicia, mentres que medraron no conxunto do territorio español. Así mesmo, en relación á rendibilidade media do sector hostaleiro, tal e como indica o Instituto Nacional de Estatística, mentres o ingreso medio por habitación en España é de algo máis de 68 euros, en Galicia baixa ata os 55, e o diferencial lucro por habitación ocupada experimenta unha caída de -7,6 con respecto ó mesmo periodo do ano anterior.

















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



