O goberno local reunirase cos afectados polos erros nas facturas da luz
Cervo, 7 de setembro de 2012-O goberno municipal asegurou hoxe que nestes días se reunirá con representantes dos afectados polas lecturas erróneas do consumo de luz que se veñen producindo nalgúns fogares cervenses. O executivo local levaba semanas en contacto cunha das afectadas, á que se lle pediu que recompilara información detallada sobre a situación para poder analizala de forma exhaustiva e poder velar polos intereses dos veciños con responsabilidade e rigor. Un documento que a afectada se comprometeu a ter preparado e en mans do Concello a principios de setembro.
Esta semana entrou no rexistro do Concello ese informe detallado que o goberno local agardaba para abordar a situación, polo que agora pretende reunirse cos representantes dos afectados para valorar as posibilidades do Concello para axudar a estes veciños en todo o posible.
O que non entende o executivo cervense é a actitude do grupo municipal socialista. “Estamos traballando neste asunto e velando polos intereses da veciñanza e, mentres, os socialistas saen a criticar non sabemos moi ben o que, nin con que intereses” explica o grupo de goberno. “Polemizar, crear conflito, e maquinar en contra do goberno e da veciñanza é a súa especialidade” e toda a súa labor de oposición “redúcese ao oportunismo”.
Para o executivo local “o PSOE permanece agochado, buscando a forma máis escura de enturbiar e enredar asuntos nos que traballa o goberno e sen dar a cara ante temas da súa competencia e que afectan aos cervenses, como a ampliación do Museo do Mar”. “Utilizan temas tan relevantes coma este a modo de cortina de fume para distraer a atención da veciñanza e que así non se dean conta de que a súa oposición é destrutiva e maquiavélica” engade o grupo de goberno.
“Vese de lonxe que o seu interese por este tema é nulo, e que non queren que nos impliquemos, porque tampouco lles interesa. Prefiren que nos desinteresemos por todo para así poder seguir co seu discurso de acoso e derribo contra o executivo” explican. Aínda así, o goberno municipal advertiu aos socialistas de que “o seu desexo non se vai cumprir, porque a nosa intención é axudar en todo o posible” e engade que “a súa política vandálica, de tentar estragar todo o que tocan fai ver que unha reunión con eles sería totalmente infrutífera”.