A MESA INTERINSTITUCIONAL DE VIOLENCIA DE XÉNERO DO CONCELLO VE CON PREOCUPACIÓN O AUMENTO DESTES CASOS ENTRE A MOCIDADE E OPONSE Á LEI DE TAXAS XUDICIAIS E AO ANTEPROXECTO DE REFORMA DO CÓDIGO PENAL.
Ribadeo, 22 de novembro de 2012. A Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero do Concello ve con preocupación o aumento destes casos entre a mocidade. Ademáis tamén se opón á lei de taxas xudiciais e ao anteproxecto de reforma do código penal.
Desde a Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero, que se reúne trimestralmente, faise a seguinte valoración sobre a violencia de xénero existente no noso concello:
“Se o ano pasado valorábamos un estancamento no avance cara erradirar a violencia de xénero, agora a situación tórnase de extrema gravidade. Podemos falar claramente dun retroceso que se evidencia en tres eixos básicos:
Con motivo do axuste presupostario que se están levando a cabo pola crise as políticas dirixidas a paliar á violencia de xénero sufren un retroceso importante. Os recortes están a afectar aos servizos públicos e iso está provocando unha saturación de traballo nas/os profesionais e a reducción ou eliminación de gran parte do presuposto en moitos programas.
A nivel lexislativo as reformas auspiciadas e que se pretenden levar adiante nos vindeiros meses veñen a dificultar as posibilidades de acción das mulleres vítimas de violencia de xénero e a impedir un maior entendemento e sensibilización social da violencia de xénero, qué é, manifestacións, efectos, etc.
As taxas xudiciais que entran este xoves en vigor agravarán a dominación do home sobre a muller mediante o control económico exercido sobre a mesma, deixando en mans do agresor o aceso á xustiza, tan demandando para as mulleres. Hai que ter en conta que non todas as mulleres que sofren violencia de xénero son beneficiarias de xustiza gratuita, (si de avogado de oficio), que son conceptos diferentes. Non obstante, un importantísimo porcentaxe delas son vítimas de violencia económica e carecen dos recursos que lle permitirán, no seu caso, ter acceso á xustiza.
O anteproxecto de reforma do Código Penal impulsado polo Ministerio de Xustiza non inclúe o termo violencia de xénero. Ademais introduce a mediación como nova medida para condicionar a suspensión da execución da pena, unha cuestión que estaba vedada expresamente na Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo do Poder Xudicial, tras a reforma introducida pola LO 1/2004 e o Convenio de Estambul do Consello de Europa asinado polo Estado español e pendente de ratificación. Debido ao desequilibrio de poder entre a vítima e agresor en casos de violencia de xénero, non cabe a mediación, cuxo principio básico é a igualdade entre as partes. O exercizo da mediación nesta casuística pon en risco á vítima, ao tempo que minimiza a acción violenta do perpetrador. Por outra parte, a pesar de que a Lei de violencia de xénero vixente recolle expresamente que ninguna pena de prisión poda ser substituída por unha pena de multa, o anteproxecto de reforma do Código Penal contempla esta medida que vai aumentar a impresión xeralizada sobre a impunidade dos agresores e que ademais pode rematar recaendo sobre as propias vítimas en supostos de dependencia económica.
Constátase unha relaxación na sociedade respecto á violencia de xénero. Os medios de comunicación volven a utilizar termos que están obsoletos e que se consideran contrarios ás boas prácticas, como por exemplo falar de crimen pasional, de ciumes sen nomear que é un caso de violencia de xénero e mesmo o tratamento deste tipo de delictos na páxina de sucesos.
En relación con todo isto, vemos con preocupación o aumento de casos de violencia de xénero entre a mocidade. Un tercio das mulleres vítimas de violencia de xénero son menores de 30 anos. O maltrato non se ciñe ás agresións físicas. Comezan a darse formas de violencia máis propias desta xeración, as que xurden co uso das novas tecnoloxías, que resultan aínda máis díficiles de detectar e distinguir. As redes sociais, os servizos de mensaxería utilizados nos teléfonos móviles, como o Whatsapp, entre outros instrumentos están facendo dano entre a xente moza, combinado con outras formas de violencia máis propias desta xeración como a que se exerce pola noite cos ciumes. Un alto porcentexe de xoves recoñece os ciumes coma unha manifestación de amor no canto de calificalos coma unha forma de control.
Son formas de violencia máis silenciosas, pero que é importante que sexan recoñecidas para ser combatidas”.
En Ribadeo detectáronse neste 2012 un total de 10 casos de violencia de xénero, aos que hai que engadir outros que non se produciron este ano, pero sobre os que existe orde de afastamento activa e nos que ás veces aínda hai xuizos pendentes, ou senón o seguimento que hai que facerlles ás vítimas. En total en Ribadeo existen 20 casos de violencia de xénero detectados e con medidas xudiciais.