CONCELLO E ACISA PROMOCIONARÁN RIBADEO DESDE MAÑÁ E ATA O DOMINGO EN INTUR, A FEIRA INTERNACIONAL DE TURISMO INTERIOR, QUE SE CELEBRA EN VALLADOLID.
Ribadeo, 21 de novembro de 2012. Concello e ACISA promocionarán Ribadeo desde mañá e ata domingo na XVI Feria Internacional de Turismo Interior que se celebra en Valladolid. O obxectivo é dinamizar Ribadeo fora do que é a tempada estival. Ana Martínez, concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, e Roberto Rivas, presidente de ACISA, coinciden en subliñar que Ribadeo ten moito que ofrecer aos que nos visitan.
A concelleira de Turismo explicou que “o Concello de Ribadeo xunto con ACISA asistirá por primeira vez a INTUR en Valladolid representando ao sector turístico e comercial do noso concello cun stand propio. INTUR celebra a súa décimosexta edición e continúa a ser un dos principais referentes de turismo de interior, cunha notable participación de expositores e cunha afluencia superior ás 40.000 persoas, segundo as referencias de anos anteriores”.
Martínez subliñou que “desde o Concello e desde ACISA buscamos nesta feira promover Ribadeo coma un destino de calidade, e buscamos ese turismo de proximidade que se pode achegar a visitarnos fora da tempada estival na que normalmente xa temos unha afluencia importante de visitantes. Buscamos nesta feria atraer a ese turismo máis próximo que por cuestión de distancia, de vías de comunicación cada vez mellores, se pode achegar a Ribadeo”. A edil de Turismo e Desenvolvemento Local dixo que “os nosos datos de rexistro na oficina de turismo nos indican que os visitantes que chegan a Ribadeo fora da época estival proceden fundamentalmente de Castela-León, Cantabria, País Vasco… e así entendemos a necesidade da nosa presenza nesta feira”.
Durante o xoves e o venres, días de xornadas técnicas, “dedicareime persoalmente a buscar a fomentar reunións co sector empresarial coa finalidade de chegar a organizar e promover actividades e programas de comercialización que poidan ser interesantes para Ribadeo. Tamén desde o stand de Ribadeo se ofrecerá información detallada e completa do noso concello ao público en xeral. Entre esta publicidade estará toda a relacionada cos lugares de interese fundamentais do concello e como tema estrela estará a praia das Catedrais, que é o referente de Ribadeo, pero aproveitando este referente levamos tamén a publicidade e a promoción das festas, das actividades de ocio e destes novos proxectos que temos de Ribadeo eventos e de turismo ornitolóxico buscando esa dinamización fora do que é a época estival”. Ana Martínez engadiu que “tamén faremos fincapé na nosa oferta gastronómica e na nosa oferta hoteleira coa que, en todo momento, desde o Concello establecemos un contacto directo para asegurar a súa presenza tanto física como a través de material publicitario nesta feria. Hai empresarios que se van achegar a Valladolid para apoiar coa súa presenza o stand de Ribadeo”.
A edil nacionalista indicou que “o que buscamos é que, nestes momentos tan complexos e tan duros para o sector empresarial, Ribadeo sexa un destino de elección para o maior número de persoas e que poida repercutir dun xeito positivo no noso comercio, na nosa hostalería e na mellora económica da nosa xente”.
O presidente de ACISA, Roberto Ramos, subliñou que “desde aquí imos vender os nosos negocios e os nosos atractivos turísticos, dos que se pode disfrutar tanto no inverno coma no verán. Queremos potenciar o noso concello, as praias, a paisaxe. Queremos ser coñecidos e que a xente nos poida visitar en calquera momento, estamos cerca, e é moi interesante que se acheguen a coñecer Ribadeo porque aquí atoparán uns produtos, unhas praias e unha paisaxe magníficos. Desde o Concello e desde ACISA temos que ensinalos e que a xente os coñeza”.
Unha das cousas que buscan os que visitan Ribadeo, sobre todo no verán, “é a climatoloxía especial que temos, no verán non temos moito calor e a xente ven perseguindo eso, a oferta gastronómica é moi boa e a tranquilidade absoluta que ten tanto o noso concello como toda A Mariña é o que véñen buscando. Ademáis visitar esta zona resulta bastante barato, é importante poder achegarse aquí a bós prezos, sen necesidade de ter que gastar o sueldo nas vacacións”.