A SENTENZA DAS LICENZAS DE FOZ: TODA A VERDADE E NADA MÁIS QUE A VERDADE.
Xan Carlos González Basanta.- O motivo deste artigo non é máis que para aclarar a sentenza ditada por un xulgado de Lugo en novembro de 2012 sobre as licenzas urbanísticas concedidas en 2006 no Concello de Foz e que todo o mundo poida saber o que realmente di a sentenza e non quedarse só co envoltorio. Por esa mesma razón vou a ser fiel ao texto da sentenza.
Certo é que a sentenza do xuíz José Manuel López Casanova desestima os dous recursos que a Xunta de Galiza tiña presentado contra o Concello de Foz polo caso das licenzas urbanísticas concedidas no ano 2006, pero de ningunha maneira a sentenza afirma que o Concello actuase correctamente cando as outorgou.
Recordemos que o primeiro dos recursos da Dirección Xeral de Urbanismo contra o Concello de Foz era por non acatar o requirimento da Consellaría de Política Territorial de data 10/1/2007 solicitando a anulación das licenzas urbanísticas outorgadas por acordo da Xunta de Goberno Local do 29/3/2006. O recurso da Consellaría fundamentábase en que as licenzas concedidas infrinxían o ordenamento xurídico vixente en dous puntos: o primeiro, por non contar co preceptivo informe xurídico e o segundo porque as licenzas foron outorgadas con posterioridade ao acordo do pleno do Concello de Foz da data 24/3/2006 mediante o cal se procedeu á suspensión de licenzas.
Na primeira das cuestións parece que está claro: o xuíz fundamenta o seu fallo nunha sentenza do Tribunal Supremo de 21/5/98 no que se aplica un cambio na xurisprudencia ao considerar que “a falta de previo informe xurídico no outorgamento de licenzas non as vicia de nulidade radical ou absoluta senón que ao contrario constitúe un mero defecto de forma que non desemboca na invalidez do acordo de concesión de licenzas”. Deixemos aí a cuestión aínda que hai quen pensa que o informe xurídico si é determinante á hora da concesión de licenzas.
Na segunda das cuestións é onde está o quid da cuestión pois di que “segundo o art. 121 do Regulamento de planeamento (Decreto 2159/1978 de 23 de xuño)… o procedente sería respectar a interrupción do procedemento de concesión de licenzas para as solicitudes dos codemandados realizadas antes da publicación do acordo de suspensión de dito procedemento, é dicir, sen concedelas ou denegalas e esperar ao levantamento da dita suspensión para resolver as peticións de licenza segundo a normativa urbanística de aplicación, a non ser que algún dos solicitantes pretendera a indemnización á que fai referencia a o art 121.2 e, nese sentido, habería un motivo para anular as licenzas concedidas.”
Pero o xuíz non estima a anulación das licenzas porque –segundo argumenta- contaban cun informe do técnico municipal favorable e tamén se incluía un informe de Inspección e Vixilancia Urbanística do 18/4/2007 na que se afirma que todas as parcelas onde se ubicarían os edificios cumpren coas condicións de solo urbano consolidado. Hai aquí dúas cuestións polo menos que requiren certas consideracións ao meu parecer. A primeira é que as licenzas foron outorgadas segundo as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, unhas normas obsoletas que ao non estar adaptadas á Lei do Solo de Galiza cando se concederon as licenzas –a pesar da obriga de estalo o 1 de xaneiro de 2006- non contemplan ningún tipo de distinción entre solo urbano consolidado e non consolidado. A outra cuestión, como calquera pode supoñer, é que as parcelas poderían cumprir as condicións de solo urbano consolidado en abril de 2007 (cando se fixo o informe de Inspección Urbanística) pero habería que saber se as cumprían cando se outorgaron as licenzas, é dicir, en marzo de 2006, porque iso determinaría totalmente as condicións das licenzas outorgadas (dotacións, edificabilidade, cesións, etc.) ou mesmo a súa non concesión. Pero iso éche outro cantar.
O segundo dos recursos era contra do acordo da XGL do Concello de Foz de data 9/4/2007 convalidando as licenzas urbanísticas outorgadas con data 29/3/2006. Para o xuíz está xustificada a convalidación “ao procederse ao levantamento da suspensión potestativa das licenzas ao transcorrer máis dun ano desde a publicación do acordo de suspensión no DOG de 5/4/2006 polo que quedaría subsanada á alegación ao requirimento de anulación do acordo municipal de 29-3-2006 consistente na ilegalidade de conceder as licenzas unha vez que se adoptara o acordo de 24-3-2006 de suspensión de licenzas”.
Sen embargo, chama a atención a reflexión do xuíz –non por ser xuíz senón por ser lóxica pura- de que “o Concello de Foz co acordo de convalidación parece ir contra os seus razoamentos pois unicamente cabe subsanar os actos anulables, é dicir, aqueles que incorren nunha infracción do ordenamento xurídico e o propio Concello sostivo a adecuación ou dereito dos acordos de concesión das licenzas pois a suspensión do seu outorgamento non tiña eficacia ao momento de ditarse aqueles, segundo a súa tese”.
En definitiva, o que di claramente a sentenza –e que ninguén dixo aínda porque non interesa ao parecer- é que “o Concello de Foz debeu respectar o período de suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas e ao non facelo así tería incorrido nun motivo para anular as concedidas en dito período, pero na medida en que “as parcelas están clasificadas como solo urbano consolidado e que as licenzas axustábanse á normativa urbanística de aplicación” (o entre comiñas é meu), a saber, as NSPM, é polo que anular as licenzas para que polo Concello as volvera a outorgar superado o período de suspensión das mesmas iría contra o principio de economía procesal, polo que entón hai que considerar válido o acordo de convalidación no cal será eficaz desde a data de adopción (art. 67.2 da Lei 30/1992 de 26 de novembro)”. Desta forma, o fallo considera que o Concello non actuou fraudulentamente e con desviación de poder á hora de conceder as 40 licenzas no acordo do 29/3/2006… pero todo elo, como di textualmente a sentenza “sen deixar de recoñecer o irregular e improcedente xuridicamente comportamento municipal”.
Polo tanto, a actuación do goberno municipal deixa moito que desexar desde o punto de vista xurídico e poderiamos ben afirmar que foi por unha cuestión de economía pola que o Sr. Xuíz procedeu a desestimar o recurso contencioso-administrativo das famosas licenzas, pero non porque o Concello actuase correctamente na concesión das mesmas. “Éche o que hai”.
Xan Carlos González Basanta



















O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



