Finou en Foz un benquerido conveciño: boa persoa, popular, solidario e reivindicativo, sempre dende a mesura e o respecto; membro de saga familiar de histórica vocación mariñeira, á que el, por problemas de saúde, tivo que renunciar, pero que pasou a vida inmerso na problemática e as vivencias do oficio. Era o do mar, social e animicamente, o seu mundo, o da súa querencia. Foi ruleiro na lonxa focega. O nome no DNI, Xosé Fernández Rouco, non todos o coñecían, porque na vida real era Xosé de Socorro. Partícipe en toda iniciativa social, lúdica ou cultural, sempre presto a colaborar; amante da literatura e a música. Poeta popular, creou o personaxe Faneca, a través do que deixou un aleccionador relato da Sociedade, dos usos e costumes, e das carencias dramáticas dos anos da súa crianza, na posguerra incivil.De Faneca di o autor: “…era un rapaz/ que naceu antes da guerra/ e pasou na súa vida/ algo mais fame que chea”. En 1979 publicou Faneca I, primeiro libro en galego editado en Foz. Nel di “Quizais debido aos estudos/ que de neno recibín/ non debera astreverme/ nunca este libro escribir./ Pero é tanta a ilusión/ que dende pequeno teño/ que quizais esta mesma/ pechoume as portas do medo”. Algúns poemas : A Escola de Faneca, Aventuras de Faneca, A Camisa de Faneca, A Virxe e o Mariñeiro, Mareaxes, Cousas do Pobo, Os Reis Magos e os pícaros, A Mocidade de antes, A “sorna” do garabelo, A rúa do Mariñeiro Chila, O caldo do maragoto,O cine nos tempos de Faneca, As carolas…
O deterioro senil, que a todos nos afecta, fixo que Xosé ingresara no xeriátrico de Xove. Hai uns meses, na compaña dun amigo, visitámolo. Saímos tristeiros do encontro. A mente de Xosé, extraviada, vagaba por galaxias ignotas: non nos recoñeceu. Coa ilusoria esperanza dun xesto que amosara sinal de consciencia, recitamos uns versos que el mesmo escribira, por se servían de estímulo a unha mínima reacción. Dímonos por vencidos cando ao falarmos de Faneca, fillo do seu numen, amosouse alleo por completo. Xa non era o seu mundo. Lembranzas para o home bo; bo focego, bo amigo…
Suso Fernández