Dada a reestruturación que se está a estudar no mapa de emerxencias da provincia
O PP local insta ao alcalde a que actúe de xeito inmediato e emprenda os contactos necesarios coa Deputación, coa Xunta e coa Fegamp para que Mondoñedo non se vexa afectado e garantir así a continuidade do Grumir na localidade
Visto que a modificación no mapa de emerxencias conleva a supresión de varios Grumir; o Partido Popular rexistra unha moción para que Orlando González emprenda dende xa as xestións necesarias para evitar calquera posibilidade de que Mondoñedo se chegue a converter nun dos concellos afectados
En concreto, os populares solicitan ao goberno municipal a que faga as xestións necesarias coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Fegamp para que continúe o servizo de Grumir no Concello de Mondoñedo
Dada a importancia deste servizo, os populares úrxenlle a Orlando González unha actitude activa asumindo as súas competencias como rexedor local
Mondoñedo, 17 de xaneiro de 2012- Dada a reestruturación que se está a estudar no mapa de emerxencias da provincia, que conlevará a supresión de efectivos de Grumir e ante calquera posibilidade de que Mondoñedo se poda ver afectado; O Partido Popular de Mondoñedo adiantase e rexistra unha moción para o seu debate na próxima sesión plenaria na que instan ao rexedor local a que actúe de maneira inmediata e faga as xestións necesarias cos entes responsables de emerxencias (Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e a Fegamp) para que o servizo do Grumir continúe en Mondoñedo.
Os populares explican que coa entrada en funcionamento de novos parques de bombeiros na provincia producirase unha profunda reestruturación do mapa de emerxencia na provincia de Lugo, conlevando a eliminación de varios Grupos Municipais de Intervención Rápida.
Temerosos de que esta reforma poda chegar a afectar ao concello de Mondoñedo, os populares esíxenlle ao rexedor local que, asumindo as súas competencias, actúe dun xeito inmediato e eficaz, e emprenda contactos coas administracións responsables de emerxencias para ter a garantía de que no concello de Mondoñedo continuará o servizo de Grumir.
Dada a importancia da dotación do servizo do Grumir para Mondoñedo, que garante a seguridade cidadá e a atención en caso de emerxencias, dando o seu apoio a protección civil; o Grupo Municipal do PP de Mondoñedo rexistrou de maneira inmediata unha moción para que o rexedor local cumpra coas súas competencias e amose unha actitude activa ante esta situación.
A solicitude desta xestión por parte do Grupo Municipal Popular faise se cabe máis necesaria, tendo en conta que, pese as peticións reiteradas do Grupo Municipal do PP de Mondoñedo, este concello non conta cun plan de emerxencias, vital dada as características intrínsecas da localidade. Un exemplo, segundo os populares, que pon de manifesto a deixadez de funcións do rexedor local.