A evolución do Carnaval de Foz nas últimas décadas, fai del acaso o que é mais brillante da Mariña. A vella usanza de farrapentos disfraces, “os entroidos”, foron sustituídos polo desfile de vistosas carrozas e grupos nos que o luxo, a fantasía e o enxeño, rivalizan en amplo mostrario que da lugar a novos motivos de pasmo. As comparsas, murgas e charangas, ataviadas con singulares e lucidas vestimentas, lanzan ó ar os sons que envolven lúdicas, báquicas e críticas estrofas que con rexouba celebran as xentes inmersas no bacanal, presidido pola beleza e a singular simpatía da Raíña e as Donas de Honra, perenne testemuño da fermosura e o engado das nosas mulleres.
Cando nos “anos escuros” se vetaba o entroido na rúa, foi nos locais de esparcemento onde se celebraba con maior esplendor. E así, na memoria de varias xeracións, perdura a lembranza daqueles bailes que tiveron por marco os esquecidos salóns de Ramón María de Cao; La Sociedad, ou salón de Cageao, e o histórico “Bahía”. Foi néste, a principios dos anos 50 onde se implantara o “faroliño”, baile-concurso de gran beleza plástica, que con utópica ilusión pretendía emular a elegancia, a vistosidade, e o glamour dos salóns aristocráticos de principios do S. XX.
Cada parella dispón dun farol veneciano, multicor, translúcido, en cuxo interior ubícase unha vela. Encéndidas éstas a un tempo, iníciase o baile ao compás precisamente do “Vals das Velas”, de Strauss.
Apaganse as luces, o local queda só iluminado pola luz dos faroliños…
Créase un ambiente de envolvente fantasía cos elementos que entran en xogo: o corido, a luz das velas, sempre acolledora, e as notas acariñadoras e nostálxicas da música de Strauss. Segundo os farois se apagan as parellas retíranse e a última en facelo gaña o concurso, que se celebra en Foz dende hai 60 anos; escoitase, piano, a letra nostálxica do vals:… “Igual que en viejos tiempos / con solemne ritual / se apaga una a una/ de las velas el brillar. / No importa si el destino cruel / nos ha de separar:/ por siempre nos querremos bien / de estas horas recordar…”.
Digamos, como anécdota, que daquela (metade do século pasado), a parella gañadora recibía o premio: a moza un par de medias (nylon) e o rapaz unha botella de champán. A gran novidade eran as “medias de cristal”, recén descuberto o “nylon”, que chegaban á bisbarra, de contrabando, vía Andorra…
Suso Fernández