Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz, como grupo maioritario da oposición e ao igual que sucedeu o pasado ano, lideraremos a defensa das nosas propostas na negociación dos Presupostos municipais para o 2013.
O pasado mes de xaneiro xa defendemos ante o Pleno da Corporación focense unha moción reclamando o abono aos traballadores municipais das consecuencias económicas derivadas da aprobación da Relación de Postos do Traballo do Concello de Foz, que prevé unha actualización salarial do 30 % para este ano 2013, baseándonos en que é unha débeda que o Concello de Foz ten contraída cos seus traballadores, a práctica totalidade dos cales, cómpre recordar, que son “mileuristas” ou incluso o seu salario non alcanza nin sequera os mil euros mensuais. Moción que, recordemos, foi aprobada co voto en contra do Partido Popular. Dereitos xa adquiridos por parte dos traballadores municipais que, por suposto, o Grupo Socialista poñerá enriba da mesa nos vindeiros días como condición indispensable para tratar de consensuar os Presupostos Municipais.
Así mesmo, cómpre recordar que os Socialistas de Foz fomos pioneiros na posta en marcha de Plans de Emprego de carácter municipal, primeiro dende o goberno e despois dende a oposición, pois xa o pasado ano 2012, tras unha ardua negociación, posibilitamos a aprobación dos Presupostos Municipais tras conseguir a inclusión dunha partida para poñer en marcha un Plan de Emprego, grazas ao cal traballaron 24 persoas no noso Concello, en detrimento de outros gastos que non consideramos prioritarios, como os previstos para festas. O que nos sorprende, a día de hoxe, é que outros grupos que votaron en contra naquel momento agora veñan dicindo que defenden o emprego, pois nos parece un tanto oportunista.
Neste sentido, deixar claro que o Grupo Municipal Socialista de Foz, como xa demostrou e vai a seguir demostrando, sempre antepón os intereses dos veciños por encima de calquera outro, polo que este ano de novo se sentará a negociar para tratar de consensuar uns Presupostos Municipais que conteñan as nosas propostas: o abono da actualización correspondente aos traballadores municipais segundo a aprobación da RPT e a posta en marcha dun Plan de Emprego de carácter municipal, que posibilite a creación de emprego no noso concello. En detrimento de outros gastos que consideramos menos prioritarios, coma o investimento de miles de euros na contratación dunha empresa externa para levar a cabo labores de xardinería no Concello, como sucedeu o pasado ano, ou as partidas de gastos para festas.
En definitiva, dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Foz, como grupo maioritario da oposición, asumiremos a nosa responsabilidade e defenderemos as nosas iniciativas coa finalidade de tratar de consensuar uns Presupostos Municipais nos que se inclúan as nosas propostas, tendo sempre como prioridade os intereses dos veciños e veciñas de Foz.