Lugo,1 de marzo de 2013.- O encargado de abrir o XVI Congreso Provincial do PP de Lugo e rexedor de Burela, José María González Barcia, destacou esta mañá a relevancia especial que outorga este conclave a este Concello mariñán, que por primeira vez na historia acolle un congreso destas características.
“É a primeira vez na historia que se celebra fora da capital lucense un congreso destas características polo que esta novidade enmárcase no recoñecemento ao traballo que Concello a Concello, comarca a comarca, están facendo as diferentes agrupacións locais en toda a provincia”- manifestou González Barcia, quen engadeu que Burela foi un concello onde o PP recuperou a alcaldía tan só despois de catro anos na oposición
Resaltou González Barcia o traballo feito pola directiva provincial e lembrou que o PP de Lugo obtivo os mellores resultados nos últimos anos na provincia, tanto nas elección municipais, nacionais como autonómicas.
Afirmou o popular que o traballo feito fixo que se relanzase o partido na sociedade e concluíu que o partido popular lucense dará mañá o apoio unánime a José Manuel Barreiro.