“É unha vergoña que o sinal de “estrada sen pintar” leve cinco meses posto”
Foz a 27 de marzo de 2013.- O BNG de Foz volve a reiterar as denuncias (feitas durante todos estes anos) do estado de abandono no que se atopa a estrada N-642 ao seu paso polo Concello de Foz. En concreto, falamos principalmente dos tramos na zona da Espiñeira-Mañente, na zona de Nois á altura da praia de Arealonga, en Fazouro e nalgúns tramos da circunvalación de Foz, é dicir, practicamente en todo o seu traxecto.
O Ministerio de Fomento –titular da estrada- dedícase por sistema a poñer parches que non solucionan o problema, máis ben son cartos tirados pois en canto chove un pouco volven a aparecer os socavóns. En palabras do portavoz nacionalista, Xan Carlos González Basanta, “a última vez que se puxo de forma parcial novo firme foi nun fin de semana cando o Ministro de Industria veu de visita a Alcoa con motivo da reivindicación da tarifa eléctrica a primeiros de outubro do ano pasado. Nese momento si houbo disposición e cartos para asfaltar con aglomerado varios tramos da estrada actuando de maneira caciquil, como lle gusta facer ao PP”. É máis, resulta vergonzoso ver todos os días como as sinais de “estrada sen pintar” aínda permanecen á beira da estrada desde aquela, é dicir, desde hai cinco meses, o que demostra o abandono na que a deixan.
Para o BNG o mantemento e a conservación das estradas son algo imprescindible para evitar accidentes e circular con seguridade. Ademais isto é máis necesario aínda en estradas como a da costa mariñán: mal iluminada, mal pintada e con pouca visibilidade. Hai que recordar que esta estrada de ámbito estatal e a única operativa na costa desde Foz ao Vicedo polo atraso constante da Autovía da Costa. “Calquera estrada secundaria que pasa por Foz (Foz-Ferreira, Cangas-Ferreira,…) é máis segura e está mellor conservada que a N-642 e isto debería facerlles pensar aos responsables de Fomento, que habelos hainos” declara Basanta.
Por iso o BNG, volve a reiterarlle a Fomento que amañe a estrada N-642 ao seu paso por Foz dotándoa dun novo firme en todo o seu traxecto porque realmente é unha vergoña e un perigo o estado tan lamentable na que se atopa.