Durante a xornada os bares e restaurantes serviron unhas 5.000 racións e a carpa un total de 300
A Bodega repetiu como gañadora do primeiro premio do Concurso Gastronómico
Pizzaría O Trasgo e Cafetería CIT levaron o segundo e o terceiro premio respectivamente
Cervo, 11 de marzo de 2013.- O ourizo volveu ser por un día o produto máis degustado da vila de San Ciprián grazas á XXII Festa do Ourizo. Preparado en cru polas expertas mans de dous cociñeiros con estrela Michelin, cociñado nos 14 bares e restaurantes participantes ou cocido na carpa pola asociación Península da Paz, o ourizo foi o ingrediente principal de todos os pratos. “Todas as nosas expectativas nesta festa víronse cumpridas” explica o alcalde de Cervo, que destacou “o crecente poder de atracción” deste equinodermo. Nesta edición os bares e restaurantes serviron un total de 5.000 racións de ourizo superando con creces as cifras da anterior edición, ás que hai que engadir as 300 ofrecidas pola asociación Península da Paz.
O rexedor asegura que nesta exaltación do ourizo e na súa posta en valor “levan anos contribuíndo os bares e restaurantes do municipio, que dende hai 22 anos foron innovando e creando novos pratos con este produto para ofrecer sempre algo novo”. Nesta edición deuse un paso máis na potenciación e fomento do consumo deste produto do mar despois de que os chefs con estrela Michelin Pepe Solla e Pepe Vieira utilizasen o ourizo como base culinaria nun show cooking no que prepararon sete pratos diferentes. Unhas elaboracións con ourizo en cru que, tal e como eles defenderon durante toda a sesión, é a mellor forma de apreciar o seu intenso sabor a mar.
Nun principio eran seis as especialidades que ían ofrecer pero, ao remate, sorprenderon cun último prato cociñado a dous, no que ambos chefs se abrazaron de forma que cada un deles utilizaba só un brazo para cociñar, Solla o dereito e Vieira o esquerdo. Así, os dous cociñeiros fundíronse nun só para dar aínda máis espectáculo e deixar bo sabor de boca entre o público asistente.
Ademais, ambos chefs estiveron explicando as posibilidades culinarias deste produto que, segundo manifestaron, é tan versátil que combina á perfección con practicamente calquera ingrediente, tal e como eles mesmos demostraron mesturando o equinodermo con cítricos, con sabores doces, algas ou wasabi.
Antes do inicio do show cooking a cociñeira veciña de San Ciprián Pilar Martínez, máis coñecida como Pilar Lechuza, explicou como preparar e como degustar o ourizo. Autora do blog de cociña www.lacocinadelechuza.com, Pilar Martínez deu tamén consellos para sacarlle o máximo partido a este produto.
XII Concurso Gastronómico
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, foi a encargada de inaugurar as XIII Xornadas Técnicas, nas que se incluían a charla e o show cooking. Ao seu tempo, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, pechou os actos, e participou na entrega de premios do XII Concurso Gastronómico. Un certame no que este ano participaron 8 establecementos e ao que se presentaron un total de 12 pratos (cada local podía preparar un máximo de dous).
O xurado estivo conformado pola delegada da Xunta, polos chefs Pepe Solla e Pepe Vieira e por Pilar Martínez, que probaron e valoraron todas as especialidades que concorreron. Despois da deliberación e do reconto de puntuacións déronse a coñecer os pratos gañadores. O primeiro premio recaeu, ao igual que na anterior edición, no mesón A Bodega, que convenceu co seu “Bacallau ao pilpil de ourizo”, e que recibiu 90 euros e unha figura conmemorativa. O segundo premio foi para “Champiñón recheo de ourizo”, da Pizzería O Trasgo, galardoado cunha figura e 60 euros en metálico. A Cafetería CIT levou o terceiro premio coa súa “Ommelette enrollada de ourizo con algas”, polo que recibiu 30 euros e unha figura conmemorativa.
O rexedor cervense quixo “dar as grazas á organización e a todas as entidades e persoas que colaboraron na XXII Festa do Ourizo porque co traballo conxunto de todos foi posible dar un paso máis na capacidade de atracción desta festa” “Este ano decidimos apostar polas novidades que, unidas ás actividades tradicionais deste evento gastronómico, deron lugar a unha festa que fixo honor á súa cualificación de Festa de Interese Turístico Galego” engade Villares. O mandatario cervense asegura que “esta é a liña na que pretendemos continuar nas seguintes edicións, a de combinar nun mesmo evento a tradición coa innovación para dar lugar a un programa completo e atractivo”.





















Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



