Cos novos prezos pagarán o mesmo os que gañan 9.000 euros ao ano que os gañan 9.000 euros o mes
Foz, 2 de abril de 2013.- O pasado día 12, deste mes de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza deu a coñecer un novo recorte que afecta directamente á calidade do ensino público no noso país: a ampliación do copago do servizo de comedor escolar. O BNG de Foz levará a pleno unha moción para oporse a este recorte no dereito á educación que prexudica principalmente ás clases medias e baixas da sociedade galega e ás zonas rurais do noso país. Este novo imposto fará que paguen polo comedor escolar o 44% dos escolares de Galiza cando ata o de agora non pagaba o 92% dos mesmos.
Para o BNG esta decisión do PP é totalmente innecesaria, arbitraria, inxusta e sen ningunha equidade. Aplicando as táboas de copago que impón a Consellaría temos que unha familia de catro membros con dous menores cunha renda per cápita de 583 € ao mes tería que pagar 40 € ao mes polo servizo de comedor dos dous fillos/as. Se a renda desa mesma familia fora de 666 € ao mes entón tería que pagar polo comedor dos seus fillos/as a cantidade de 100 € ao mes, é dicir, o 17% de todos os cartos que entran na unidade familiar, unha cantidade a todas luces desproporcionada. Hai tamén unha clara desproporción coas familias numerosas (3 ou máis menores) pois pagarán todas 1 euro ao día por menor a partir dunha renda de 7.000,01 euros anuais netos, tanto as que gañen 501 euros ao mes como os que gañen 10.000 euros ao mes, o que representa unha clara inxustiza social.
Pero tan sangrante é o agravio comparativo naqueles que teñen a cota de 4,5 € ao día, que son os dunha renda anual igual ou superior a 9.000,01 euros, sobre todo porque afectáralle a máis familias. Así, unha familia de tres membros cun menor que gañen ao mes 750 euros tería que pagar polo comedor do seu fillo/a aproximadamente 90 € ao mes (4,5 €/día durante 20 días), o mesmo que unha familia cun/ha menor e cunha renda anual de 100.000 € (8.333 €/mes) cando gañan 11 veces máis que a primeira. Isto é un despropósito e unha medida totalmente inxusta e nada equitativa. “¿Onde está a progresividade do sistema da que presume o PP?” pregunta o portavoz municipal, Xan Carlos González Basanta.
Se isto o comparamos co que gastan os deputados das distintas administracións no comedor dos seus respectivos centros de traballo político entón a comparación xa é de escándalo, sobre todo cando a súa comida está subvencionada con cartos públicos (cartos desa mesma xente que agora ten asumir o custe do comedor dos seus fillos/as). Por poñer exemplos, un deputado/a da Xunta pode comer no Parlamento por 6,50 €/día, unha deputada do Congreso por 8,47 €/día e un deputado/a da Comunidade de Madrid por 3,55 €/día, menos neste último caso que o que terán que pagar moitos escolares. Ademais, a isto hai que engadir que o menú dos comedores escolares non se parecen en nada aos menús tan sofisticados e copiosos dos Parlamentos ou dos Congresos, como se pode un imaxinar.
Desde o BNG pensamos que esta nova actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia o seu desleixo polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras; recortes nos orzamentos dos centros; recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.
Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de euros de subvención ao ensino concertado, cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero e que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal instar á Xunta de Galiza a retirar este copago garantindo un servizo de comedor escolar gratuíto e de calidade para todo o alumnado que o necesite por ser a educación un dereito público e universal.



















A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.



