Lugo, 23 de maio de 2013. O Grupo Provincial do BNG presentará no vindeiro Pleno da Deputación unha moción na que instará ao Goberno do Estado a manter todas as unidades xudiciais que existen na provincia de Lugo: A Fonsagrada, Becerreá, Sarria, Chantada, Monforte, Mondoñedo, Vilalba e Viveiro, diante do anuncio feito polo goberno central de limitar as unidades xudiciais a Lugo. Así o anunciou o seu portavoz na institución, Mario Outeiro, quen manifestou o rexeitamento dos nacionalistas á proposta do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, de centralizar a actividade xudicial nas capitais de provincia, neste caso en Lugo; medida que insiste en que “non ten senso nun país como Galiza caracterizado pola dispersión poboacional”.
“O Partido Popular –continuou o portavoz do Bloque- emprendeu unha reorganización dos servizos sanitarios, de facenda e de xustiza, que está a provocar que os cidadáns, para poder facer uso dos seus dereitos, teñan que desprazarse decenas de quilómetros e nalgúns casos até máis dun cento de quilómetros, co consecuente trastorno persoal, familiar, laboral e económico que iso supón. Os dirixentes populares están a negar á cidadanía das comarcas uns servizos que son necesarios para todos e todas. Cada unha das reformas do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza responde a unha estratexia de desmantelamento dos servizos públicos do rural e supresión dos dereitos do pobo”.
O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego considera que a supresión dos partidos xudiciais existentes incidirá no colapso que xa na actualidade padece a administración de xustiza e que se traduce nunha merma na atención aos cidadáns. “Ademais –precisou Outeiro- das consecuencias económicas que terá nos concellos que até o de agora teñen xulgado de primeira instancia; nalgúns como Becerreá, Mondoñedo e A Fonsagrada fechar o xulgado pode supoñer o feche de toda a vila”.
Mario Outeiro afirmou que “o PP tamén ten ademais nas mans un proxecto de reforma da administración local que, como xa denunciamos noutras ocasións, suporá unha recentralización do Estado, unha redución das competencias dos concellos deixándoos inútiles para os seus veciños e veciñas, e abre tamén a porta a un grande ERE da administración local, xa que provocará a eliminación de postos de traballo de persoal laboral, que é a maioría nos concellos pequenos. Ademais, esta medida presupón que todos os concellos pequenos son ineficientes, e en ningún caso a ineficacia ten que ver co tamaño, senón cos criterios cos que se goberna. Eliminándose concellos pequenos e as súas competencias o único que se fai é acabar co noso medio rural, enviando á poboación ás cidades para recibiren servizos que no rural non teñen”.
Os nacionalistas esperan obter o respaldo da corporación provincial para evitar o que entenden “será un novo ataque contra os dereitos dun pobo xa afogado por medidas neoliberais que afondan a situación de crise que padece o país”.