Santiago, 12 de xuño de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a alianza co sector naval está dando froitos e renovou o seu compromiso para seguir traballando en posibilidades que dean emprego e riqueza aos estaleiros galegos. Na súa intervención no Pleno do Parlamento, Feijóo asegurou que o Goberno da Xunta leva traballado polo sector naval, e vai seguir traballando “ata o último segundo do meu mandato”, e lembrou que, desde a súa toma de posesión, “tanto o anterior conselleiro de Economía e Industria como o actual, e o Goberno enteiro, estiveron traballando polo sector naval”.
“Tiñamos a Vulcano quebrado, e hoxe non o está; tiñamos a Factoría Naval nunha situación de concurso de acredores, e hoxe aínda sigue existindo; tiñamos a Pymar quebrado, hoxe non o está e a Xunta inxectou unha capacidade de avais de 68 millóns de euros”, aseverou Feijóo en resposta a unha pregunta formulada polo BNG.
Na mesma liña, o mandatario autonómico asegurou que, ademais de tratar de paliar a difícil situación que estaban a atravesar os estaleiros galegos, o Goberno da Xunta tamén avanzou na consecución dun acordo “estratéxico” coa cuarta petroleira do mundo, Pemex, para construír dous floteis: un na ría de Vigo e outro na ría de Ferrol. “Neste momento seguimos con esa petroleira Pemex tentando conseguir o contrato de flota menor por 240 millóns de euros, para a ría de Vigo e para a ría de Ferrol”, abondou.
Os problemas do naval: o tax lease e Navantia
Na súa intervención, Feijóo lembrou que os problemas actuais do naval galego teñen dous nomes: o tax lease, no sector privado, e Navantia, no ámbito público. Respecto do primeiro, o tax lease, o presidente da Xunta argumentou que “é unha competencia exclusiva do Estado español”, que “o Goberno socialista de Madrid estivo burlándose durante dous anos do problema do tax lease”, índose “sen nin sequera presentar unha proposta formal en Bruxelas”; pero hoxe, explicou, “temos o tax lease solucionado para o futuro, pero temos aínda sen solucionar o problema do tax lease do pasado”. “O señor Almunia ten a palabra e, de forma directa e indirecta, o Goberno de España ten plantexado ao señor Almunia razóns, xustificacións, leis, normas e antecedentes, onde se pode deixar a cero as indemanizacións polo tax lease”, indicou. “O que non hai é solución e decisión do señor Almunia do tax lease dos anos anteriores”, aseverou Feijóo, remarcando o traballo realizado pola Xunta para contar cun tax lease novo que permite contratar barcos, porque “modificamos a lei de sociedades, cousa que vostedes non conseguiron cando estaban no Goberno bipartito”, recriminoulle ao BNG.
No caso de Navantia, Feijóo sinalou que o seu primeiro compromiso co Goberno de España é “recordarlle que é titular dunha empresa pública e que ten a súa responsabilidade máxima na viabilidade desa empresa pública”. “O meu compromiso como presidente da Xunta é levar a esa empresa pública o único pedido que ten en carteira: un flotel, traballar e poñer cinco millóns de euros para un dique flotante e solicitar formalmente a Navantia que faga a consulta ante Europa”. Nesta liña asegurou que “non me van doer prendas de estar con calquera grupo parlamentario que lle recorde a Navantia os seus compromisos, que son: viabilizar o estaleiro público de Ferrol e conseguir barcos; e non acepto ningún tipo de desculpa de Navantia”, abondou.
A este respecto tamén lamentou que “algúns dos que agora falan –dixo referíndose ao BNG-, estiveron apoiando un Goberno que estivo seis anos sen conseguir un só pedido en Navantia e estiveron dous anos burlándose do sector naval galego, omitindo o problema do tax lease e índose do Goberno tamén sen solucionalo”. “Non todo o que poida dicir un se converte en realidade por dicilo. Non podo ser máis explícito. Estou absolutamente decepcionado coa política comercial de Navantia e dígoo desde o partido ao que pertenzo. Lamento que vostede non diga que está absolutamente decepcionado cando apoiou ao Partido Socialista Obreiro Español e o enganou co levantamento do veto a Navantia e non conseguiu un só contrato en seis anos”, recriminoulle Feijóo ao BNG.
“Pero nós imos seguir traballando”, insistiu o presidente da Xunta ao respecto, lembrando que o conselleiro de Economía e Industria está camiño de México “para conseguir un contrato de 240 millóns de euros máis, aos 380 dos floteis”; que se lle plantexou ao presidente de Uruguai “que tiñamos o máximo interese porque unha empresa de Ferrol puidera ser contratista dunha draga de máis de 50 millóns de dólares”; e avanzando que onte mesmo un estaleiro de Vigo conseguiu un contrato nun país asiático “que vai dar carga de traballo en máis dun ano”. “Celebrámolo porque traballamos todos xuntos: o estaleiro, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Defensa”, abondou ao respecto.
Compromiso coas infraestruturas hospitalarias en plena crise económica
O mandatario galego destacou, ademais, en resposta a unha pregunta do PSdeG, que, en plena crise económica, a Xunta gastou 54 millóns de euros en equipar o hospital de Lugo, que disporá dunha sala de hemodinámica, xa anunciada no DOG. “En plena crise económica -aduciu-, estamos equipando o hospital de Lugo, ampliando o hospital da Coruña, construíndo o hospital de Vigo, e tamén Ourense vai ter un edificio completo de hospitalización”, apostilou; un edificio, avanzou, que a Xunta prevé adxudicar en agosto e para o que xa hai 11 ofertas presentadas.
Feijóo reiterou que, a pesar de que ao inicio da pasada lexislatura o hospital de Vigo “era un monte privado” e “non había nin un metro propiedade da Xunta de Galicia, “Vigo terá un hospital público”. Ao respecto, asegurou que “só o dono dun hospital pode concretar o seu nome, e o dono, en representación de Galicia, é este Parlamento e ese hospital é o Hospital Público Metropolitano Álvaro Cunqueiro”. Feijóo garantiu que a Xunta vai tutelar, ata que se finalice, o hospital de Vigo, a ampliación do hospital da Coruña, en urxencias e no bloque cirúrxico, e a construción do hospital de Ourense.
O presidente da Xunta aseverou que, aínda que a Xunta está a pagar cada ano 200 millóns de euros da débeda deixada polo bipartito, “rematamos 19 centros de saúde, reformamos 10 centros de saúde e acabamos de adxudicar esta semana 15 centros de saúde, e o Plan Director do Hospital do Salnés”.



















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



