Ao fío dunhas acusacións vertidas polo caudilliño provincial do PP, Balseiro, vémonos na necesidade de lembrar que no Valadouro só houbo dúas estafas: Os 25 anos de desgobernos populares e máis a patada que lle deu Balseiro a Lamela aconsellándolle unha manobra suicida.
Dende o BNG non o descualificamos como el afirma, só o cualificamos, é dicir, exteriorizamos as súas cualidades, témolo doado, xa que neste seu Valadouro natal é ben coñecido o seu efémero currículo académico. Cuestión que non tería maior importancia de non ir unida a un personaxe cunhas aspiracións que lle veñen grandes, e que acusa aos demais de tontos como se tivese unha mente privilexiada.
Dende a Asemblea Local do BNG non podemos facer máis que congratularnos por ter axudado a desprazar do goberno local do Valadouro a un partido altamente pernicioso para o progreso e o avanzo social do noso concello.
Por outra banda e ante o pleno de venres 31 queremos manifestar:
Na orde do día figura unha moción presentada polo noso grupo municipal na que demandamos o arranxo e mantemento das pistas forestais. Despois de presentada a ordenanza da Mancomunidade de Municipios da Mariña –aprobada por todos os grupos con presenza no devandito foro-, estamos dispostos a retirar a nosa moción coa condición de que o Concello do Valadouro se comprometa a aprobar a devandita ordenanza á maior brevidade posíbel. Cremos que con esta ordenanza que xa está aprobada en boa parte dos concellos da Mariña, cúmprese a necesaria compatibilidade entre o interese público e privado. Dende o BNG non entendemos como hai voces que fan manifestacións a prol dos intereses de empresas que ameazan con baixar o prezo da madeira se son obrigadas a arranxar os desperfectos, obviando que os devanditos viais foron feitos e mantidos con diñeiro público. Estamos falando dunha ordenanza que tenta compatibilizar ambos intereses. Rexeitar a moción da Mancomunidade significa poñerse do lado dos empresarios sen ética ou seguidores das malas prácticas, afortunadamente minoritarios no sector.
ASEMBLEA LOCAL DO BNG ALFOZ-VALADOURO