Preto de 100 establecementos comerciais de Ribadeo ofrecerán agasallos, descontos e un trato moi especial a aqueles visitantes que se fagan coa tarxeta 24 horas, que presentaron este luns o Concello e ACISA e que comezará a repartir deste martes 6 de agosto. Faranse con ela todos os que reciban a credencial do viaxeiro, é dicir aquelas persoas que percorran a costa entre As Catedrais e Ribadeo e presenten fotos dese areal, de Rinlo, do faro da Illa Pancha e do Cargadoiro na oficina de turismo da vila. Nese momento recibirán a devandita credencial e tamén a tarxeta do viaxeiro, que poderán empregar durante 24 horas en todos os comercios e restaurantes adheridos a ela. Nestes establecementos, que están sinalizados, obterán diversos agasallos.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, sinalou que “se o ano pasado ideamos unha iniciativa cunha acuarela coa que desde o Concello de Ribadeo obsequiamos a todos os visitantes que veñan á praia das Catedrais, pero que acaben indo tamén á vila: porque desde o Concello e desde o colectivo de comerciantes estamos traballando para que todo este foco de xente que veña aquí acabe tamén indo a Ribadeo. Sabemos que moita xente ven á Mariña soamente polas Catedrais e unha vez visitado este lugar non sabe moi ben onde está e pode irse a outro concello”.
O rexedor indicou que “nosoutros lexitimamente queremos que veñan a Ribadeo, que se queden en Ribadeo, que compren por Ribadeo. De aí que ideáramos o ano pasado esta credencial do viaxeiro. Levamos nesta primeira parte do verán unhas mil dadas, polo que son mil persoas que senón doutro xeito igual non se terían achegado ata Ribadeo vila. E agora queremos dar un paso adiante máis e facelo coa sinerxía e coa colaboración leal nunha simbiose moi boa que temos en Ribadeo entre ACISA e máis o Concello: estamos presentando agora o que se chama a tarxeta do viaxeiro, que se dará xunto coa credencial do viaxeiro na oficina de turismo a todas aquelas persoas que demostren que estiveron nas Catedrais, en Rinlo, na Illa Pancha e no Cargadeiro”.
Suárez Barcia e a vicepresidenta de ACISA, Mar Torviso, apuntaron que “esta tarxeta contemplará que todos aqueles establecementos adheridos, que son 93 neste momento pero poden ser máis, van ofertar nun período de 24 horas desde que a tarxeta lles é entregada na oficina de turismo de Ribadeo descontos e regalos para os que a teñan. En definitiva os turistas terán un reclamo máis para ir a Ribadeo, non soamente pola acuarela senón por estas bonificacións nos diferentes establecementos de hostalería, de comercio, de restauración, etcétera. Esperemos que sexa unha boa iniciativa para o comercio local de Ribadeo e principiámola agora”. Desde mañá comezará a repartirse na oficina de turismo da vila xunto coa credencial do viaxeiro.
Desde ACISA Mar Torviso agarda que “con esta acción fagamos máis atractivo do que xa é vir a Ribadeo e disfrutar en hostalería, en servizos e en comercio de diferentes cortesías, tanto descontos como regalos, pousavasos, marcalibros, chaveiros e un montón de recordos e cousas que esperamos que fagan que se corra a voz e o turismo que ven ás Catedrais tamén se pase por Ribadeo”.