Burela, 9 de agosto de 2013. Burela acollerá ao longo das vindeiras semanas diversas actividades deportivas, que foron presentadas esta mañá pola concelleira Beatriz Piñeiro e polo alcalde, José Mª González Barcia.
Os días 13 e 14 de agosto na pista do parque a partires das 20 horas terá lugar o torneo 3 x 3 de baloncesto que organizan o Concello e o CB Burela. Disputarase nas categorías de benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. A edil de Deportes explicou que “en caso de non haber suficientes equipos, mesturaranse as diferentes categorías participantes. A inscrición realizarase 15 minutos antes do inicio do torneo”.
O 18 de agosto, domingo, desenvolverase a Carreira Popular 2013. Será a partires das 12 do mediodía e establécense as seguintes categorías: senior masculino, senior feminino e sub 14. Beatriz Piñeiro sinalou que “haberá trofeos para o máis xove, o/a veteran@ e o 1º clasificado. As inscricións realizaranse no punto de saída na praia da Marosa media hora antes de que dea comezo a carreira”. E explicou que “o percorrido para os senior será praia de A Marosa, dando a volta na caseta dos socorristas da praia do Cabaliño e volta ao punto de partida. E no caso dos sub 14 a saía tamén será na praia da Marosa, dando a volta na caseta dos socorristas da praia de Ril e volta á Marosa”.
A Delegación de Deportes organiza tamén unha nova edición do día da bicicleta que se celebrará o 21 de agosto a partires das 19 horas. O percorrido irá desde a praia urbana ata o areal da Marosa e volta ao punto de partida. A inscrición para participar nesta actividade poderá facerse na praia urbana 15 minutos antes do inicio da proba.
E xa o 23 de agosto terá lugar o día do patín en Burela de 19:30 a 21:30 horas. Haberá circuítos e xogos na praza da Mariña. Aquelas persoas que desexen disfrutar desta cita poden anotarse 15 minutos antes do inicio da actividade.
Tanto o alcalde como a concelleira de Deportes animaron “a nen@s e maiores a facer un pouco de deporte con nós ao longo das vindeiras semanas. Fixemos actividades para todos os gustos e para todas as idades. Hai deportes que se poden practicar en familia e entre amigos e qué mellor forma de facelo que acudindo a algunha das citas que acabamos de presentar”.