O PSdeG da Mariña advertiu este xoves que o proxecto de construción do gasoducto na comarca “segue sen ter prazos concretos de finalización”, polo que insta a Barreiro e Balseiro a “deixar de vender fume, e traballar para que se axilice e se produzan avances reais e consistentes” na tramitación desta importante infraestrutura para a Costa, que permitan fixar unha data para a súa posta en marcha.
O deputado socialista no Parlamento galego e coordinador comarcal do PSdeG na Mariña José Ramón Val Alonso lembrou que o gasoducto xa tiña que estar en funcionamento neste 2013. “As obras acumulan un significativo retraso dun ano, despois de que o Goberno de Rajoy tivera paralizado durante meses o proxecto, que só desbloqueou debido á presión dos propios alcaldes da comarca e da compañía Alcoa, e tamén polas iniciativas que levamos dende o Partido Socialista ó Congreso”, explicou.
A pesar diso, os pasos que dá o Executivo central cara a construción da rede gasística “son lentos e curtos”. O parlamentario mariñano require por iso ó presidente e ó secretario do PP provincial, José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro, respectivamente, que “se impliquen de verdade” para sacar adiante un proxecto “que compatibilice os intereses de Alcoa cos dos veciños que se senten prexudicados polo actual trazado”, e deixen de “botarse flores”. Neste senso, o deputado rexeitou que, “unha vez máis e como teñen por sistema”, os populares fixeran “un uso partidista das institucións” anunciando o inicio do procedemento administrativo para expropiar os terreos do gasoducto por parte da delegación do Goberno.