O Vicedo, 3 de outubro de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou este xoves no Vicedo as obras de mellora da canalización no casco urbano da vila, unha actuación realizada con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental posto en marcha polo actual Executivo galego e destinado aos concellos que soportan o impacto de toda ou parte das instalacións de parques eólicos.
A delegada territorial resaltou o “impulso para a modernización das dotacións dos concellos” que promove a Xunta a través dos fondos de compensación. Así, subliñou que este ano executaranse na Mariña investimentos por valor de 943.429,26 euros, por dispoñer no territorio de 98,1quilómetros de liñas evacuadoras e 521 aeroxeneradores.
O Fondo de Compensación Ambiental, explicou, “permite aos concellos a realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego” e “chegan a todos os concellos cuxo territorio municipal estea dentro da delimitación dun parque eólico e, igualmente, aos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación”.
No caso concreto do Vicedo, recibiu este ano unha partida de 134.325 euros destinada a diversas actuacións medioambientais. Así, o concello dedicou máis de 64.000 euros á contratación de dez traballadores para o servizo de medio ambiente durante o verán, que realizaron tarefas relacionadas coa biodiversidade, os recursos naturais e a recuperación do medio natural.
Acompañada polo alcalde do Vicedo, Jesús Novo Martínez, a delegada supervisou os traballos que se acometen na actualidade, que consisten na substitución da antiga tubaria de fibrocemento por outra máis moderna de polietileno na canalización da Travesía da Mariña, proxecto que ascende a 70.000 euros.
Deste xeito, apuntou, “actualízase esta instalación aos requirimentos actuais de distribución de auga potable, dotando de tubaria de polietileno de alta densidade a este tramo de algo máis de 1 quilómetro da rede de distribución”. A obra contempla tamén a substitución das aceras e as infraestructuras afectadas pola obra.
A delegada lembrou que mediante o Fondo de Compensación Ambiental a Xunta leva investidos nos dous últimos exercicios 209.400 euros na mellora da rede de abastecemento do municipio, xa que hai uns meses remataron as obras de canalización aos núcleos de Morgallón, Creximil e Monte Insua. “Nos últimos catro anos –informou Arias- o concello recibiu un total de 720.009,51 euros do fondo de compensación para distintas iniciativas”.
Orientación dos proxectos
Raquel Arias subliñou que o fondo de compensación ambiental reflicte un triplo compromiso da Xunta cos concellos, e moi especialmente coas zonas rurais. En primeiro lugar, co medio ambiente, “xa que sufraga actuacións que redundan directamente na mellora do medio natural e na súa conservación”; en segundo lugar, coas facendas locais, “xa que representa un importante ingreso para os concellos, especialmente no momento actual”, e por último, co reequilibrio territorial, “dado que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais da comunidade galega”.
Os proxectos a executar polos concellos deberán estar orientados á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, á recuperación do medio natural degradado ou contaminado, ao impulso da eficiencia enerxética ou, en xeral, á protección do ambiente e do espazo natural.