O voceiro municipal do BNG no Concello do Valadouro, Eduardo Chao, ven de presentar para o seu debate en Pleno unha moción relativa ao copago dos medicamentos hospitalarios.
Dende a asemblea local do BNG consideran que “a veciñanza do Valadouro non entendería que o seu Concello non se fixese cargo dos custos de algo tan necesario como as menciñas de doenzas crónicas ou severas e no canto financie algo tan supérfluo e anacrónico como comidas de festexo á Garda Civil, tal e como aconteceu o sábado 12 en Ferreira”. Así mesmo tamén considera que “é moi grave que o Goberno estatal dea este puntapé á saúde dos cidadáns, pero aínda é máis grave que a Xunta de Galiza non se opoña a isto e non xestione unha solución para evitar que os galegos se vexan obrigados a abandonar tratamentos farmacolóxicos”.
Polo mesmo, demandan que “o Concello do Valadouro asuma o copago dos medicamentos de dispensación hospitalaria para veciños e veciñas do municipio suxeitos a tratamentos de leucemia, cancro de mama e ril, tumores cerebrais e hepatite C, así como doutras patoloxías afectadas pola aprobación da resolución do Goberno do Estado do 10 de setembro e publicada no BOE do 18-9-2013, pola que se fixa a obrigatoriedade do pago dunha parte do importe por parte dos usuarios para máis de 157 prestacións farmacolóxicas”. Pero tamén solicitan na moción que o Pleno tome o acordo de que “sexan beneficiarios desta medida municipal aquelas persoas que leven máis de 6 meses empadroadas no Concello do Valadouro, a contar dende a entrada en vigor da presente iniciativa municipal, e, en función da renda do enfermo ou enferma, o Concello asuma, ben unha porcentaxe do copago ou o cento por cento do mesmo”.
Os nacionalistas argumentan que “despois da aprobación da resolución do Goberno do Estado do 10 de setembro e publicada no Boletín Oficial do Estado do día 18 do mesmo mes pola que se fixa a obrigatoriedade do pagamento por parte dos usuarios para máis de 157 prestacións farmacolóxicas, dende o BNG consideramos este feito unha grave discriminación, acometida polo Partido Popular cara a persoas vulnerábeis, obrigando a moitos pacientes a abandonar os seus tratamentos farmacolóxicos por falta de recursos económicos, xa que estamos a falar de tratamentos especiais e intensivos, o cal fai moi difícil que unha persoa cuns ingresos comúns poida afrontar o seu custo”.
Asemade consideran que “dende o Concello do Valadouro non debemos permitir que a tendencia privatizadora do Partido Popular afecte á saúde dos nosos veciños e veciñas, e é preciso atender especialmente as necesidades de persoas que estean a sufrir, por exemplo, cancro de mama, de ril, tumores cerebrais, leucemia crónica, artrite reumatoide, dexeneración macular ou hepatite C crónica, ou dependentes das 157 prestacións farmacolóxicas de algo máis de 50 medicamentos prescritos para casos de enfermidades consideradas graves ou crónicas e limitados a pacientes ambulatorios das farmacias hospitalarias”.
Finalmente, recordan que “cómpre ter sempre en conta –e máis nestes tempos- que a sanidade pública non é un luxo senón unha conquista social que debemos protexer como alicerce básico dunha sociedade avanzada e democrática”.