A Mariña, 29 de outubro de 2013. Un cento de emigrantes retornados da comarca da Mariña manifestáronse na mañá deste martes fronte á oficina da Axencia Tributaria de Foz para demandar unha solución á problemática referente á pensión que veñen recibindo polo seu período laboral fóra do estado español. Esta concentración, coincidía con outras vinte celebradas en distintos puntos de Galiza. Na manifestación, á marxe dos emigrantes retornados, tamén participaron distintos representantes sindicais e políticos, como é o caso do secretario da unión local da CIG, e o voceiro municipal do BNG en Foz, Xan Carlos Basanta.
Este acto reivindicativo rematou coa lectura dun manifesto a cargo de Lionel Rexes, portavoz da plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña, quen previamente entregara un escrito no rexistro da oficina de Facenda da localidade, no que o colectivo solicita un trato xusto e igualitario para os Emigrantes Retornados Pensionistas, e esixe a revogación dos expedientes xa iniciados e devolución do pagado, a anulación dos expedientes sancionadores, así como a modificación da LEI para garantir a igualdade de trato para os Emigrantes Retornados.
“Milleiros de galegos e galegas ficamos atónitos ao ler ou escoitar o proceso emprendido desde a Axencia Tributaria contra os emigrantes retornados, que percibimos parte da nosa pensión de países estranxeiros. En esencia, logo de anos e décadas de vir recibindo pensións desde os países nos que estivemos traballando, sen que esas rendas figurasen como ingresos a tributar, agora Facenda esíxenos o pagamento atrasado do imposto sobre a renda correspondente, incrementado con xuros de demora e máis sancións”, afirmou o voceiro do colectivo mariñán.
“A maioría destas persoas emigrantes – precisou Rexes- nunca tivemos advertencia desa obriga, e mesmo acudimos a elaborar en moitos casos as declaracións tributarias anuais ás dependencias da Axencia Tributaria, orientadas e asesoradas por persoas ao servizo desa administración tributaria”.
Segundo afirman desde a plataforma de Emigrantes Retornados da Mariña, “o calvario de milleiros de galeg@s empeza cando a Axencia Tributaria executa a decisión do Ministro nos primeiros meses deste ano 2013, e comezan a chegar cartas con multas e sancións, por todo o País. Sen ningún diálogo, sen previo aviso, sen información de ningún tipo, o Ministro de Facenda condéanos culpábeis de sermos defraudadores, obríganos a facer una declaración a cal nunca fixemos, de cinco anos para atrás: 2008/2012, e sanciónanos con multas e xuros de demora e con carácter retroactivo, de entre 3 e 20 mil euros e máis, e a pagar a totalidade nun prazo de dez días, no caso de non pagar, ordena embargo de bens e contas bancarias. Nós decimos que esta é unha estafa e un ataque brutal de acoso económico e moral a un dos colectivos máis débiles e maiores da sociedade, tod@s avós e avoas”.
Lionel Rexes explicou que “nas décadas dos anos: 50, 60, 70 milleiros de mozos e mozas galegos, forzados polas circunstancias, tivemos que emigrar a Europa e América, e fomos quen de enviar centos de miles de millóns de divisas para as arcas do estado español, e aínda hoxe, seguen a enviar cantidades moi importantes de diñeiro @s nos@s fill@s e net@s que desgraciadamente, xa están emigrados. E por se isto fora pouco, xa vell@s , xubilad@s e de volta na nosa terra cos cartos que seguen a chegar das nosas pensións, seguimos a xerar riqueza para o Estado Español. Somos moitos miles, ao redor de 250.000 persoas afectadas por esta gran estafa”.
“É inmoral que nos persigan e nos traten coma defraudadores, mentres que aos verdadeiros defraudadores e evasores fiscais, o Goberno Español aproba unha Lei para concederlle Amnistía Fiscal, e para os pensionistas emigrantes retornados non hai perdón, nin alternativa, nin amnistías. Nós non queremos amnistías de ningún tipo, porque non as necesitamos, nós somos traballadores, non somos defraudadores. Nós afirmamos, porque é verdade, que nos Consulados, nas Agregadurías Laborais Españolas, nas Asesorías e nas mesmas Axencias Tributarias, a información que se nos facilitaba era sempre a mesma, que as pensións dos países estranxeiros non había que declaralas”, concluíu o voceiro do colectivo comarcal.






















A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.



