Lugo 29 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación afirma que o goberno bipartito da administración lucense (PSOE e BNG) tenta tapar con mentiras “o atropelo e marxinación” ao que está a someter aos desempregados tralo deseño “dun plan de emprego feito á medida para obter réditos electorais”.
Dende o Grupo Provincial do Partido Popular desmenten con datos cada unha das afirmacións vertidas polos socialistas e nacionalistas e explican que o seu partido xa anunciara a renuncia a percibir dietas pola asistencia a estes plenos extraordinarios versados sobre o plan de emprego; e a maiores explican que non existen discriminacións por parte da Xunta de Galicia.
Un bipartito centrado en confundir á cidadanía
Os populares procuran que o plan de emprego chegue a todos os concellos lucenses e non só a uns poucos, de xeito que “o que realmente queremos é vetar aos que discriminan e crean concellos de primeira e de segunda categoría”.
O GPP tacha de “falso” que a Deputación busque compensar a falta de apoio da Xunta “e os datos o demostran”. A través do plan de cooperación a administración autonómica chega a todos os concellos da provincia sen exclusión. Desta maneira, investiu 187.426 euros no 2013 nos once concellos do PSOE e BNG incluídos no plan da Deputación, creando 25 empregos.
Dende o grupo popular tamén afirmaron que todos os concellos da Rede Natura recibiron como mínimo da Xunta unha axuda de 20.000 euros; e só en Lugo e en 2013, investiu 510.000 euros, o 70% destinado a concellos da Montaña.
E de igual maneira, todos os municipios son libres de solicitar un obradoiro de emprego e a maioría dos once concellos do PSOE e BNG que inclúe a Deputación no seu plan nin tan sequera o solicitaron.
Dos 33 obradoiros de emprego que puideron ser solicitados entre as anualidades 2010 e 2013 por parte dos once concellos que entran no Plan de Emprego da Deputación; non se chegaron a solicitar 27. Así, no 2010, 9 concellos non solicitaron obradoiro; no 2012 ningún concello dos once que entran no plan de emprego pediu obradoiros e no 2013, só o fixo Becerreá.
A MAIORÍA DOS CONCELLOS QUE ENTRAN NO PLAN DE EMPREGO NON SOLICITARON OBRADOIROS | ||||
Concello | Alcaldia | ANO 2013 | ANO 2012 | ANO 2010 |
Fonsagrada, A | PSOE | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU | denegado |
Becerreá | PSOE | denegado | NON SOLICITOU | denegado |
Pontenova, A | PSOE | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Pobra do Brollón, | BNG | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Incio, O | PSOE | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Cervantes | PSOE | (con Becerreá) | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Samos | PSOE | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Navia de Suarna | PSOE | (con Becerreá) | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Pedrafita d | PSOE | (con Becerreá) | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Ribas de Sil | PSOE | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Negueira | PSOE | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU | NON SOLICITOU |
Polo tanto, é absolutamente falso que a Xunta marxine aos concellos incluídos no plan, senón que a situación derívase da falta de colaboración das administracións locais que non chegaron a solicitar obradoiros de emprego ou inclusive se negan a asinar contratos coa Xunta que os leva a perder, por exemplo, a dotación dunha brigada de incendios, como se deu en Becerreá ou mesmo no Incio, que renunciou ao convenio asinado.
Os populares xa anunciaron a renuncia a percibir dietas
Os populares censuran a demagoxia que profesan os socialistas e os nacionalistas e o xogo perigoso no que están incursos. A voceira do PP, Elena Candia, lembra que os populares xa anunciaron no seu momento a renuncia expresa a percibir dietas por asistencia ao pleno extraordinario no que se trate a petición de modificación das bases do plan de emprego da Deputación.
A maiores, Candia matiza que non só os deputados renunciarán a esta remuneración económica; senón que tampouco percibiron dietas todos os edís do Partido Popular en todos os concellos que se teñen celebrado as sesións extraordinarias.
Porén, dende o GPP matizan non ter constancia de que se dea a mesma situación no PSOE e no BNG e incluso, explican, nalgúns concellos xa manifestaron a intencionalidade de non querer renunciar a súa dieta.
Imposible coincidencia co pleno ordinario
Os populares consideran que a petición de garantía da igualdade de oportunidades entre os desempregados lucenses e polo tanto, a non marxinación dos parados en función do municipio de residencia, adquire tal relevancia que merece o seu tratamento nun pleno extraordinario e monográfico.
A maiores, a coincidencia co pleno ordinario do martes fíxose imposible dado a necesidade de agardar polos acordos plenarios nos municipios, cuxo cumprimento, será o que reivindique o Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación, para que José Ramón Gómez Besteiro rectifique as bases desta plan “excluínte”.