O PP segue erre que erre. Os seus agasallos de nadal foron as subas da luz, dos combustibles con esa perla chamada céntimo sanitario, e a conxelación do salario mínimo que no estado español sitúase en 645’30€, mes. Gustaríame ver a calquera dirixente do PP defendendo a súa familia con eses cartos…
E cando aínda estamos dixerindo estes novos proxectís ó poder adquisitivo da maioría social, o PP volta a darlle un novo apertón ós de sempre.
Para o PP non hai outro obxectivo para facer caixa que as clases populares.
Aforradores, emigrantes, enfermos crónicos, asalariados, funcionarios e agora: os autónomos.
Si, esa clase con super-poderes, xa que nunca están enfermos, son a nova peza de caza das inmisericordes escopetas do goberno. Nese réxime está a maioría dos galegos se contamos co sector da agricultura. Traballadores sen dereito ó paro que terán que rascarse máis o peto, mentres comproban como para a grande empresa aplícanse medidas de vantaxes fiscais.
O perfil do autónomo no 2014 xa non é o de hai 20 ou 30 anos. Agora como autónomo hai moitos ex-asalariados que ben tiveron que buscar no autoemprego a única vía de posibilidade laboral ou ben foron obrigados pola súa empresa a facelo para seguir a desempeñar ese mesmo traballo pero sen vinculación directa coa empresa matriz para a que seguen prestando un servizo.
Por exemplo: transportistas, comerciais, instaladores…
En definitiva: o autónomo é un traballador e un pequeno empresario que carga sobre as súas costas todos os gastos que o desempeño do seu oficio lle esixe. Un traballador sen dereito ó paro, porque aínda que hai anos reformárase o seu réxime para poder acollerse ó subsidio de desemprego, na práctica menos do 5% puideron chegar a consumalo polas durísimas condicións establecidas para elo, que o converten nunha utopía.
Hai uns días chegaba á opinión pública un informe de Intermón Oxfan realmente escalofríante que indica que 20 ricos do estado español posúen os ingresos do 20% da poboación. Neste informe incídese na máis que alarmante diferencia de renda, agudizada dende o comezo da crise económica.
Alguén pode pensar que as políticas do PP van mudar esta situación? Ou dito doutro xeito, é coñecedor vostede dalgunha medida do goberno popular que poda reverter o aceleramento das diferencias de clases?
Podo darlle todo o tempo que precise para contestarme, a resposta é ben clara: todo ó contrario.
Se acaso o PP é coñecedor de que os autónomos pola súa propia definición non son un sector moi unido e dese xeito a contestación social pode quedar máis diluída que noutros asuntos cos que se toparon de fociños coa rúa.
Ogallá me equivoque e os autónomos digan firmemente NON, como Gamonal, como os preferentistas, porque desgraciadamente este goberno semella non entender outra linguaxe que o da loita na rúa.
Félix Jorquera