Burela, 6 de febrero de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, asistiu en Xantar en Ourense, aos actos oficiais do día dedicado ao mar, que presidiu a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Burela acode neste 2014 a esta cita tras a ausencia nas dúas edicións anteriores, motivada pola delicada situación económica que se estaba a vivir.
A conselleira participou na degustación de pescada e de bonito que tivo lugar este mediodía, organizada polo Concello burelés en colaboración coa organización de Xantar.
O rexedor realiza unha valoración positiva da presenza de Burela en Xantar: “este ano hai moito público, o cal para nós representa un punto importante para continuar dándonos a coñecer. É certo que nós asistíramos en anos anteriores a Xantar, deixarámolo por cuestións vinculadas á situación económica, pero tamén é certo que comprobamos que nestes últimos anos Xantar colleu un impulso enorme e aglutina a todo o sector turístico da zona norte de Portugal e de Galicia en torno á gastronomía”.
González Barcia explicou que “mantivemos contactos con confrarías gastronómicas coa posibilidade de facer intercambios con Burela, co que iso pode significar de promoción dos produtos gastronómicos da nosa localidade e do propio municipio. Nese sentido nos próximos meses daremos algún paso ao respecto e non se descarta tampouco a posibilidade de establecer algunha canle de colaboración con algún dos concellos galegos que están presentes en Xantar. Intercambiamos opinións con algún alcalde e cremos que o intercambio gastronómico pode ser beneficioso para tódalas partes polo que representa de dinamización do sector hostaleiro e de todo o sector económico e tamén de promoción da localidade”. E engadiu que “establecemos contactos coa organización para o próximo ano volver estar presentes aquí, é probable que con algún reforzo no sentido de organizar algún tipo de acto máis concreto e máis centrado na nosa localidade que o que se fixo hoxe a pesar de que este saíu ben. Pero estamos niso e cremos que a presenza aquí é positiva”.