Foz, 18 de febreiro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, anunciou este martes o programa de actos do Entroido 2014, que será pregoado polo perruqueiro e artista local Juan Varela. No desfile do sábado 1 de marzo repartiranse máis de 6.000 euros en premios.
O rexedor municipal explicou que “despois do éxito do pasado sábado na cea de coroación da raíña e as damas de honra, as dúas Saras e Nara, dáse comezo oficialmente ao Entroido de Foz. Tamén está aberta a exposición de traxes de Ana Ainse, que recomendo a todo o mundo, e soamente nos queda facer público o pregoeiro dos Carnavais de Foz. Apostamos novamente por un personaxe actual, que participa precisamente no Entroido de Foz e que é moi coñecido por todos os focenses pola súa colaboración tamén noutros moitos eventos que organiza o Concello: trátase do perruqueiro Juan Varela, que é unha persoa tremendamente simpática, moi creativa e cun enxeño espléndido. Cremos que é a persoa ideal, na liña destes últimos pregoeiros, como foron tanto Piti Alonso como Manolo Chinchón. Son xente de Foz que viven e fan o noso Entroido. Esa é a liña que quere levar o Concello nestes anos, que é tratar de recordar e homenaxear a esas persoas que, dunha forma completamente altruísta, fan que o Entroido de Foz sexa un dos máis significativos da Mariña de Lugo, da provincia e de Galicia. O venres 28 de febreiro ás 20 horas será ese pregón na sala Bahía. Media hora despois celebrarase o concurso de coplas, que sempre é moi vistoso porque, aparte de coplas, hai diferentes actuacións”.
Javier Castiñeira engadiu que “o día grande, o 1 de marzo, darase o fogonazo inicial ás 10 da mañá e a partir desa hora as diferentes charangas farán pasacalles polas rúas. E ás cinco da tarde empezará a XXXIII edición do desfile do Entroido de Foz, no que se repartirán máis de 6.000 euros en premios. Sempre é un éxito absoluto de participación e de xente que se achega a Foz para velo. Ao final haberá unha chocolatada para os participantes e ás once da noite celebrarase o gran baile na sala Bahía, onde se entregarán os premios, evento que estará amenizado pola orquestra Marbella e polo grupo Tekila”.
Do programa de actos do Entroido focense o alcalde tamén salientou que o domingo 2 de marzo “é a quenda dos nenos, que ás 5 da tarde terán baile infantil co grupo Diamantes e entregaranse os premios infantís. Tamén o domingo, ás nove da noite, realizarase o Touporroutou, organizado pola asociación A Pomba do Arco, que é unha parte moi picante do Entroido no concello de Foz. Despois, o luns de Entroido celebrarase o tradicional Baile do Farolillo amenizado polo grupo Fénix e DJ Eventec, un acto no que participa sempre moita xente. Os prezos das entradas son como en anos anteriores, pois non quixemos subilas”.
Para concluír coas actividades Castiñeira comentou que “o martes 4 de marzo ás cinco da tarde haberá outro baile infantil, organizado pola asociación de amas de casa e amenizado tamén polo grupo Diamantes, Chechu e Salva, que son os clásicos xa no noso Entroido. E, para rematar, o venres 7 de marzo teremos a Queima do Entroido, que sairá ás dez da noite do Campo da Cabana e rematará cunha queimada popular no peirao de Foz”.
Ademais o rexedor municipal agradeceu “a todos aqueles que colaboran co Concello para que este Entroido teña éxito, a todos aqueles patrocinadores dos premios, dos traxes das raíñas, dos peiteados e moito máis, porque sen eles sería imposible. Quero darlles as grazas tamén a todos aqueles que participaron na cea do Entroido pois fixérono con moita alegría e tranquilidade. Foi un éxito absoluto e hai que darlle o parabén ás dúas Saras e a Nara por ser as raíñas do Entroido 2014 e tamén agradecerlles á anterior raíña e ás súas damas por como o fixeron no ano 2013. A todos eles, incluído o noso pregoeiro Juan Varela, moitas grazas por participar no Entroido, por axudarnos e o éxito da cea de coroación augura que vai haber un Entroido con moita ilusión e moi bo no concello de Foz”.























A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



