As organizacións convocantes no Hospital da Costa, CIG, CCOO, UGT, CSI-F, SAE, lembran que os procesos de privatización da sanidade pública véñense desenvolvendo de xeito lento pero continuado desde os anos 90, seguindo as pautas marcadas polo informe “Abril”, que estabelecía unha serie de medidas destinadas a converter a sanidade pública nun mercado.
Denuncian que agora, o goberno do PP, coa escusa do aforro do gasto público acelera esta liña privatizadora, impondo máis medidas de privatización na sanidade pública. Medidas que aseguran que non se xustifican nin por razón económicas, nin por razóns de eficacia na xestión. “Non podemos esquecer que na xestión privada o prezo ten que incluír o beneficio empresarial: maior custe , menor calidade”, afirman.
No referente á eficacia na xestión apuntan que si hai experiencias contrastadas no ámbito do SERGAS para poder afirmar que coa xestión pública directa se presta un mellor servizo: servizos privatizados tiveron que ser rescatados pola Administración Pública asumindo a débeda privada.
Tampouco esquecen os controis de calidade, xa que coas privatizacións a administración delega o control de calidade dos servizos públicos nas empresas adxudicatarias da privatización. “Estamos seguros de que eses controis son independentes e exhaustivos?”, pregúntanse.
Alertan de que estas medidas de privatización afectan a todo o persoal da sanidade e que ningún traballador ou traballadora pode pensar que “isto non vai con el”. Por iso advirten de que “se non o impedimos, esta marea de privatizacións acabará por afogarnos a todos/as”.