Burela, 25 de xuño de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego mantivo este mércores un encontro con asociacións culturais e colectivos en defensa do patrimonio da comarca da Mariña para explicarlles os detalles da recuperación para uso público dunha ducia de pezas de ourivería castrexa de grande valor patrimonial procedentes de distintos concellos da comarca da Mariña.
Trátase de pezas como o Torques de Burela e outras procedentes de xacementos castrexos de Viveiro, Mondoñedo, Riotorto ou Foz que formaban parte da chamada colección Álvaro Gil e que a área de Cultura da Deputación, gobernada polo BNG, ven de adquirir aos herdeiros para que pase a formar parte do patrimonio do Museo Provincial. O custe total da adquisición destas pezas é de 1,4 millóns de euros. Inclúese tamén o chamado Carneiro Alado de Ribadeo, aínda que a súa procedencia é dubidosa e non está contrastado que fose atopado neste concello.
O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e o responsable de Cultura da institución provincial, o tamén nacionalista Mario Outeiro, manteñen este encontro con colectivos da Mariña para informalos da primeira man deste acordo, aprobado no Pleno da Deputación celebrado no día de onte, e do que supón en canto a “recuperar importantes tesouros do patrimonio arqueolóxico e cultural da comarca que son de todos e que estaban en mans privadas”, afirmou Antonio Veiga.
Estas pezas foran retiradas do Museo Provincial en outubro do ano pasado logo de que a familia gañara un pleito xudicial iniciado no ano 1999, en tempos de Cacharro Pardo como presidente da Deputación. A súa retirada provocara conmoción na Mariña, por tratarse nalgún caso de emblemas para a comarca, como o Torques de Burela, símbolo deste concello. Lógrase agora recuperar, grazas ao traballo do BNG, este importante legado, “que a partir de agora será de todos os mariñáns e de todas as mariñás”, destacou Antonio Veiga.
A colección total, 40 pezas datadas entre o 1.800 a.C. e o 400 d.C.
O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, explicou ás asociacións os termos do acordo cos herdeiros de Álvaro Gil para que as pezas da súa importante colección de ourivería volten ao Museo Provincial de Lugo e pasen a formar parte dos fondos propios do museo mediante a adquisición por parte da Deputación de 40 pezas datadas entre o 1.800 a.C. e o 400 d.C., entre elas os Torques de Burela e Viveiro e o Carneiro Alado, emblemas durante 4 décadas da colección do Museo Provincial de Lugo e que saíran do Museo en outubro do ano pasado despois dunha sentenza xudicial do Tribunal Supremo que outorgaba a titularidade da colección á familia Álvaro Gil.
Mario Outeiro afirmou que a adquisición destas pezas por parte da Deputación “pon fin a 14 anos de litixio xudicial e de desencontros entre a Deputación e a familia Álvaro Gil, iniciados no ano 1999 cando gobernaba Francisco Cacharro Pardo”. O regreso, de xeito definitivo, ao Museo Provincial das 40 pezas que forman esta importante colección de ourivería está previsto para antes de que remate o verán. Trátase torques, pulseiras, adornos de pelo e arracadas, fundamentalmente de ouro, para as que foi iniciado expedente de declaración de Ben de Interese Cultural o 23 de outubro de 2013, un día antes do levantamento do seu depósito no Museo Provincial para evitar deste xeito que puideran ser vendidas ou sacadas do Estado español.
Aforro de máis de 4 millóns de euros
Mario Outeiro destacou que con este acordo dase por rematada unha negociación “longa e intensa” coa familia Álvaro Gil, encetada no mes de xuño de 2013 trala sentenza do Tribunal Supremo que determinaba a titularidade dos bens en litixio en favor dos herdeiros de Álvaro Gil e obrigaba ao pagamento das custas procesuais por parte do ente provincial. O responsable de Cultura da Deputación dixo que as negociacións coa familia foron levadas a cabo cunha “total discrección” pero cunha “total transparencia de cara á oposición, que estivo sempre informada dos pasos dados, tanto dos acordos como dos desacordos”. De feito, esta mesma mañá o Partido Popular foi convocado a unha Xunta de Portavoces para informalos dos termos do acordo acadado.
Mario Outeiro destacou tamén que grazas a este acordo conséguese un aforro de máis de 4 millóns de euros, xa que a familia reclamaba inicialmente 5 millóns de euros polas pezas máis 2,7 millóns de euros por danos e prexuizos. Finalmente, o prezo de compra por parte da Deputación será de 2.346.200 euros.
Pago de 2.346.200 euros en cinco anualidades
O prezo de adquisición quedou fixado na proposta feita pola Deputación aos herdeiros de Álvaro Gil baseada nun informe de valoración encargado a Eduardo Ramil Rego, taxador independente membro da Asociación de Peritos Xudiciais e especializado en Arqueoloxía e Antigüidades e que estableceu o prezo da totalidade da colección en 2.346.200 euros, moi por debaixo dos case 5 millóns de euros que pedía a familia Álvaro Gil.
O acordo establece ademais que a colección completa será posta a disposición da Deputación Provincial nun prazo máximo de sete días desde a sinatura do contrato definitivo, pero que o pago desa cantidade económica faráse en 5 prazos en anualidades que van ata o 2018, a razón de 99.608 euros neste ano 2014, 656.648 euros en 2015, 633.284 euros en 2016, 606.364 euros en 2017 e 350.296 euros en 2018.
Asemade, a Deputación aboará as cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais derivados dos procedementos relacionados coa colección, tal como establecía a sentenza do Tribunal Supremo, ata unha cantidade máxima de 600.000 euros. A cambio, os herdeiros de Álvaro Gil renuncian a indemnización algunha por danos e prexuizos polos anos que a colección estivo depositada no Museo Provincial.
Pezas recuperadas da colección Álvaro Gil procedentes da Mariña
Torques de Burela: 575.000 euros
Torques Áureo da Recadieira, I (Mondoñedo): 120.000 euros
Torques aúreo de Recadieira II (Mondoñedo): 160.000 euros
Torques de prata da Recadieira (Mondoñedo): 82.000 euros
Torques de Viveiro: 155.000 euros
Torques de Cu do Castro (Foz): 85.000 euros
Torques de Riotorto: 85.000 euros
Dúas Arracadas da Valiña (Mondoñedo): 1.500 euros
Fragmentos de dous Torques da Valiña (Mondoñedo): 17.500 euros
Dúas láminas de ouro da Valiña (Mondoñedo): 1.300 euros
Arracada de Burela: 3.500 euros
Carneiro Alado: 112.000 euros
Total: 1.397.850 EUROS