Burela (Lugo), 19 de xullo de 2014.- A Carpa Xplora Xuventude achégase este sábado ata a comarca da Mariña –a Burela, Viveiro, e Cervo- co fin de dar a coñecer aos mozos e mozas galegos os recursos e programas dirixidos a este colectivo, ao tempo que contarán con asesoramento por parte de técnicos especializados.
A carpa estará en Burela de 10,00 a 12,00 da mañá, e estará emprazada na Praza do Concello. Pola súa banda, Viveiro acollerá esta iniciativa entre as 13,00 e as 15,00 horas, coa carpa situada na Rúa Travesía da Mariña. Xa por último, pola tarde, desprazarase a Cervo e estará aberta entre as 17,00 e as 19,00 horas, na Praza dos Campos.
Esta campaña estase a desenvolver por toda Galicia entre os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Durante este verán, os técnicos da Rede galega de dinamización xuvenil percorrerán 110 localidades da xeografía galega.
Cabe destacar que ademais de información de interese, estas carpas pretenden ofrecer un espazo aos grupos de mozos e mozas e entidades xuvenís no que poidan amosar as actividades e propostas que levan a cabo, servindo como escaparate do talento xuvenil.