Foz, 27 de agosto de 2014.- Os xornalistas Beni Mántaras e Carmen Cruzado darán a coñecer a súa publicación A praia das Catedrais e as súas contornas na Feira do Libro de Foz este venres ás 21 horas. No acto participará o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, que presentará aos autores.
O libro venderase na feira dende mañá, xoves, ata o domingo na caseta da libraría Bahía, de Foz.
A praia das Catedrais e as súas contornas saíu da imprenta o 18 de xullo e ese mesmo día xa se puxo á venda na Feira do Libro de Ribadeo, concretamente na caseta da libraría ribadense Vivín. O 23 de xullo foi presentado cun acto celebrado no Parador de Turismo de Ribadeo e o 16 de agosto os seus autores asinaron exemplares na Feira do Libro de Viveiro, concretamente no posto da libraría Lector Nobel, de Burela.
A praia das Catedrais e as súas contornas é unha publicación de 160 páxinas que inclúe outras tantas fotografías e textos en galego e castelán dedicados aos atractivos turísticos da provincia de Lugo nun percorrido que comeza no famoso areal ribadense das Catedrais e remata nos Canóns do Sil. O prólogo é obra da coñecida xornalista Esther Eiros, directora e presentadora do programa Gente Viajera, en Onda Cero Radio.
O libro, que conta coa participación de institucións, empresas e colectivos, está á venda nunha vintena de librarías e outros establecementos da Mariña, Lugo e Monforte de Lemos.