Amor, sexo, un nacemento, morte e clases de salsa. Tres xeracións de mulleres. Un ano extraordinario. Así se presenta “Meu ben”, unha comedia teatral de ELAINE MURPHY dirixida por ALVARO LAVÍN tras ser adaptada por AVELINO GONZÁLEZ e OLGA NOGUEIRA e que chegará ó Teatro Pastor Díaz de Viveiro o sábado 15 de novembro a partir das 20.30 horas da man de ELINA LUACES, ROCÍO GONZÁLEZ e MERCEDES CASTRO –Amelia en Padre Casares-.
Amber vive sen preocupacións, recén saída do instituto, está no mellor da vida, mocea cun tal Paul e anda de festa rachada. Ata que sofre unha molesta “indixestion”. A súa nai Lorraine ataca un cliente no traballo polo que ten que visitar un “médico da cabeza”que lle receita facer algo bo para ela mesma unha vez por semana.. É hora de se apuntar a clases de salsa. A avoa Kay, pola súa banda, tenta sentirse viva nos frustrantes sesenta mentres coida do seu marido enfermo. Tres xeracións de mulleres de clase media contan a historia de un ano extraordinario.
Estreada en 2008 pola compañía Guna Nua par ao Fringe de Dublin rapidamente se converteu nun éxito. En 2009 foi galardoada co prestixioso premio Carol Tambor do Festival de Edimburgo sendo a primeira produción irlandesa en levar esta distinción. Desde aquela leva cativando ao público arredor do mundo con producións nas Illas Británicas, en Australia e en Nova York. Agora chega ao estado español da man de Eme2.