Burela, 8 de novembro de 2014. O Concello busca espazos para albergar o heliporto e o aparcadoiro do Hospital da Costa no período no que se realicen os traballos de ampliación dese centro.
O alcalde, José Mª González Barcia, subliña que “desde o Concello estamos a facer xestións para colaborar coa Xunta e coa empresa que está a elaborar o plan director do Hospital da Costa para buscar alternativas ao aparcadoiro do hospital e ao heliporto en tanto en canto duren esas obras. Xa miramos algunha posible ubicación para o heliporto e xa llo comunicamos tanto ao Sergas como a esa empresa para que falen cos pilotos do helicóptero para ver si o que nós lles estamos a ofrecer pode ser utilizado”.
Sobre o aparcadoiro alternativo o rexedor bureles dixo que “xa contactamos con algún propietario dalgunha finca próxima ao Hospital da Costa para sondar as posibilidades de poder habilitar un aparcadoiro provisional con suficiente capacidade para albergar o elevado número de coches que cada día se achegan ao recinto hospitalario”. González Barcia lembrou que “nós puxemos en marcha hai pouco un aparcadoiro no que collen 50 coches, pero somos conscientes de que iso a estas alturas a pouco ou a nada chega. Continuaremos a facer xestións neste sentido e confiaremos en que sexan positivas”.
Esta semana o alcalde mantiña un encontro no Concello con técnicos do Sergas e da empresa que leva a cabo o plan director do Hospital da Costa para analizar tamén cuestións relativas á ampliación do centro hospitalario. González Barcia valoraba de xeito positivo ese encontro.