Burela, 6 de novembro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, reuniuse este xoves no Concello con técnicos do Sergas e da empresa que leva a cabo o plan director do Hospital da Costa para analizar cuestións relativas á ampliación dese centro.
O rexedor explicou que “durante esta mañá tivemos unha xuntanza con técnicos tanto do Sergas como da empresa que está a levar a cabo o plan director do Hospital da Costa, para ver cuestións de tipo técnico vinculadas coa ampliación dese centro”. González Barcia lembrou que “nós no plan xeral de ordenación municipal deixamos zona suficiente para levar a cabo a ampliación e hoxe do que se trataba era de pulir cuestións técnicas relativas co Pxom en canto á ordenación de solo dotacional, etc”.
Segundo o alcalde burelés “a xuntanza foi positiva porque os propios técnicos da empresa que redacta o plan director e os técnicos do Sergas recoñeceron as bondades que ten o plan xeral para poder levar a cabo a ampliación do Hospital da Costa e valoraron de forma moi positiva que o Concello tivese en conta deixar solo suficiente para executar esa obra”.
José Mª González Barcia dixo: “para nosoutros non deixa de ser unha satisfacción que técnicos cualificados valoren de xeito positivo o Pxom no que se refire ás posibilidades que ofrece para a ampliación do hospital”. E engadiu: “daremos todas as facilidades habidas e por haber tanto aos técnicos do plan director, aos do Sergas e á propia Xunta de Galicia para levar a cabo as obras. Nese sentido o único que nos queda é esperar a que se elabore toda a documentación por parte da empresa adxudicataria do plan director e que todos estes traballos se leven a cabo o antes posible”.