Coa chegada de novembro volta á Mariña unha das actividades máis asentadas e exitosas do Observatorio da Mariña pola Igualdade. O video-forum Mulleres no Mundo acada este ano a súa VI Edición. Seis anos nos que a través do cinema o Observatorio, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, achega á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais moitas veces afastados e distantes.
Este VI Video-forum Mulleres no Mundo ten, entre outras novidades, que proxecta por primeira vez unha película española e será este xoves 13 de novembro no salón de actos da UNED en horario de 19.00 a 21.00 horas. Trátase da película Planes para mañana, dirixida por Juana Macías e que conta no transcurso dun día, como tres mulleres con idades e circunstancias moi diferentes deberán tomar importantes decisións que poden cambiar as súas vidas para sempre.
Ao igual que nas últimas edicións, por mor da boa acollida e co obxectivo de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos, voltarase ao formato do café-debate. O Observatorio repartirá gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.
É unha actividade gratuíta na que se están a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes.
Todas as sesións do VI Video-forum Mulleres no Mundo están guiadas por socias do Observatorio. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora é a condutora das reflexións do grupo.
O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.