Bruxelas, 13 de Decembro 2014. O 22 de novembro de 2011 publicouse no Diario Oficial da Unión Europea o novo Regulamento (UE) número 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello -do 25 de outubro de 2011- sobre a información alimentaria facilitada ás persoas consumidoras, polo que se modifican os Regulamentos (CE) número 1924/2006 e (CE) número 1925/2006 do Parlamento Europeo de do Consello, e polo que derróganse a Directiva 87/250/CEE da Comisión, a Directiva 90/496/CEE do Consello, a Directiva 1999/10/CE da Comisión, a Directiva 2000/13/CE do Parlamento Europeo e do Consello, as Directivas 2002/67/CE e 2008/5/CE da Comisión e o Regulamento (CE) número 608/2004 da Comisión.
Polo tanto, dende hoxe mesmo, 13 de decembro de 2014 -logo do prazo de tres anos dende a súa entrada en vigor-, segundo se vén publicitando dende as institucións europeas, será obrigatorio que as persoas consumidoras podamos ter acceso á información sobre os ingredientes de obrigada declaración en tódolos alimentos, envasados ou non, incluídos os adquiridos en bares, restaurantes, comedores escolares, hospitais e os vendidos a granel[1].
Sen embargo, dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe[2]), valoramos que este regulamento favorece nalgúns dos seus aspectos ás grandes multinacionais xa que, polo que empezamos a coñecer con respecto ao que pode supoñer na práctica en relación aos produtos pesqueiros, este tipo de etiquetaxe, xunto con algúns aspectos da Política Pesqueira Común (PPC), perxudica claramente ás Denominacións de Orixe (DO’s) en produtos pesqueiros como o mexilón e mesmo, como puidemos saber a través dos medios de comunicación, afectaría tamén á ameixa, que poderá aparecer etiquetada vinculada a augas portuguesas e non a augas galegas.
“Facer a compra é un acto político. A de alimentos moito máis, pois comemos cada día e é do último que prescindimos”, esta é unha reflexión que a eurodeputada de AGEe Lídia Senra vén difundindo dende fai moitos anos, e que agora, no marco da entrada en vigor deste Regulamento número 1169/2011, e da súa posíbel modificación con respecto ás normas de etiquetado dos alimentos procedentes da pesca e da acuicultura a nivel europeo que a Comisión vai propor neste mes, volta estar de plena actualidade.
As multinacionais son perfectamente conscientes do poder que temos cando eliximos o que mercamos, e saben que cada día hai máis persoas que non somos simples consumidoras, senón que queremos decidir que comemos, quen e onde queremos que se produza e a que economías queremos apoiar co “acto político” de mercar.
Polo tanto, dende AGEe imos traballar fortemente pola inclusión do mexilón dentro da proposta que vai realizar a Comisión Europea neste mes de decembro para modificar o Regulamento da Organización Común de Mercados no Sector dos Produtos da Pesca e da Acuicultura. De feito, Lídia Senra -suplente do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca- xa rexistrou o pasado 13 de novembro unha pregunta parlamentaria por escrito sobre este aspecto. “‘Si’ a incluír o país de procedencia dos produtos do mar. Galiza ten que figurar como país de procedencia no etiquetado de todos os nosos produtos, incluídos os do mar”, demanda a eurodeputada galega.
“O novo etiquetado que entra en vigor hoxe favorece claramente ós intereses das multinacionais no tocante aos produtos marítimos, e prívanos como consumidoras do dereito a coñecer a procedencia do que comemos e de dicir que economía queremos favorecer cos nosos cartos”, denuncia Senra.
“Hai anos que as multinacionais, nas negociacións de comercio internacional -nas rondas da Organización Mundial do Comercio (OMC) antes, e agora nos tratados de libre comercio (TLC’s)- queren eliminar as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas (IXP’s). Ate o presente, no agro non llo permitimos”, lembra a eurodeputada de AGE. De feito, “no tratado da UE con Canadá [Comprehensive Economic and Trade Agreement, CETA], ningunha das IXP ou DO’s galegas aparece como protexida, e esta é unha das razóns polas que temos que loitar para que o Parlamento Europeo non ratifique o CETA no 2015”.
Á vista da normativa que entrou en vigor hoxe, parece que na última reforma da Política Pesqueira Común as multinacionais xa conseguiron incluír unha forma de etiquetado que atenta contra a Denominación de Orixe do Mexilón de Galicia. “Foi miopía das forzas políticas que constituían goberno e oposición no momento das negociacións da Política Pesqueira Común e dos deputados e deputadas que había nese momento no Parlamento Europeo?”, cuestiona Senra, “Ou foi o interese de favorecer os negocios dos grandes fabricantes de conservas, que no noso país habelos hainos, e con fortes intereses en países que teñen asinado acordos de libre comercio coa Unión Europea, como é o caso de Chile?”.
Dende AGEe temos moi claro que hai que reaccionar e obrigar a que a Comisión Europea responda en positivo na proposta de modificación que vai presentar neste mes, obrigándoa a incluír Galiza como lugar de procedencia no etiquetado do mexilón, das ameixas ou de calquera outro produto do mar. “Defendamos o noso, defendamos os intereses das clases populares, non os deixemos pasar con isto”, instou Lídia Senra.


















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



