Dende o PSdeG-PSOE de Burela queremos mostrar publicamente a nosa preocupación pola situación laboral dos nosos veciños e veciñas. Nestes días vimos de coñecer os datos de paro no noso pobo e temos que dicir que son realmente preocupantes, e o que é máis grave, o equipo de “desgoberno” do Partido Popular mostra unha parálise e un pasotismo alarmante ante esta situación.
A enquisa do CIS ven de indicar que a primeira preocupación dos españois é o paro nun 77% dos casos, dato que pasa totalmente inadvertido polo equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela. O incremento de paro no noso concello no mes de novembro foi de case o dobre que o da media da comarca, e chegamos ós 758 parados no noso concello sendo o concello con maior incremento de persoas nesta situación con un incremento de 74 persoas respecto ó mes de setembro. Ademais disto, a situación do paro feminino no noso concello tamén ten a taxa máis alta dos concellos da Mariña, o que demostra a falla de implicación e o abandono neste senso por parte do equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela con este colectivo, un auténtico desastre.
Dende o PSdeG-PSOE de Burela temos levado ó Pleno do Concello de Burela a proposta de facer un Plan de Emprego que puidera facerlle fronte a esta situación, pero como é norma este equipo de “desgoberno” rexeita calquera proposta que se achegue dende a oposición en calquera asunto, demostrando unha falla de vontade de acordo en ningún tema, usando a súa maioría absoluta coma un rodillo sen importarlle que as propostas se fagan en positivo e para tentar facer que a vida dos veciños e veciñas poida mellorar o máis mínimo. Non se ten en conta para nada á oposición.
Por se isto non fose pouco, este equipo de “desgoberno” do Partido Popular non se preocupa o máis mínimo polos graves problemas de emprego nas empresas. Isto é facilmente demostrable ante a nula implicación nos problemas laborais das empresas que están atravesando momentos difíciles e nas que traballan ou traballaban veciños e veciñas de Burela. Non se preocupa para nada dos problemas deste veciños e veciñas. ¿Que xestións se fixeron e cal foi a implicación por parte deste equipo de “desgoberno” nos problemas de Sargadelos, Ecesa, Alcoa, Hospital ou incluso dos mariñeiros? Ningunha, non se preocuparon o máis mínimo por estes asuntos, o que supón que os veciños e veciñas de Burela se sintan totalmente abandonados por quen debería de estar ó seu lado e defendendo os postos de traballo dos traballadores e traballadoras deste Concello.
Para nós é unha situación dramática que está a crear un grave problema social ó que este equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela non é capaz de facerlle fronte tomando medidas que favorezan a creación de emprego no pobo, os datos están aí.