Lugo, 22 de xaneiro de 2015.- Un total de 38 profesionais chegados de todo o Estado español e de distintos puntos de Europa analizarán desde distintas perspectivas o papel da muller no mundo a arte. Coincidindo co 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a área de Cultura da Deputación organiza o II Congreso Xénero, Museos, Arte e Migración, que terá lugar os días 6, 7 e 8 de marzo de 2015 nas diferentes sedes da Rede Museistica Provincial de Lugo e que conta co aval das tres universidades galegas e dos principais museos do Estado español.
O Congreso, presentado hoxe polo responsable da área de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, polas coordenadoras do proxecto, Encarna Lago e Pilar Sánchez Monje, pola directora do Festival de Miradas de Mulleres, Paula Cabaleiro, e por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, constitúese como unha “esperiencia única de debater con especialistas que traballan no eido de xénero desde as institucións, a creación, a investigación, os movementos sociais e o asociacionismo”, afirmou Mario Outeiro.
Cada un dos tres días do Congreso corresponde cun dos bloques temáticos nos que se artella o encontro: Xénero e Museos, Xénero e Arte, e Xénero e Migración. A primeira sesión, Xénero e Museos, analizará de que maneira está presente a muller nas coleccións de arte galegas e estatais. A muller artista é protagonista na segunda sesión, Xénero e Arte, analizará de que forma se salvan ás dificultades que ofrece o mercado da Arte para as creadoras femininas e cómo a experiencia artística amosa a pegada do pensamento feminista. Por último, en Xénero e Migración, falaráse da muller migrante, que características culturais leva consigo, os programas de integración e de transmisión cultural, contando co relato das propias protagonistas.
“O rotundo éxito acadado na anterior edición o pasado ano, con acreditacións e comunicacións chegadas de todas partes do Estado, o amplo seguimento a través das redes sociais, pero sobre todo polo convencemento no labor de compromiso social que a Rede Museística vén desenvolvendo, impulsan a esta institución a levar a cabo este segundo Congreso de Xénero”, explicou Mario Outeiro. Xa está aberta a inscrición das 50 prazas para asistir a este Congreso, a través dun formulario na web www.museolugo.com, así como para as video-comunicacións cuxo prazo remata o 13 de febreiro.
Novidade no formato
Este Congreso ten o espírito de derrubar barreiras. Primeiro, resgando a liña que separa conferenciante/asistente, a través de exposicións dinámicas e dialogadas. Segundo, fomentamos unha participación máis directa, utilizando as TICs e os audiovisuais para que todo estudo, comunicación, reflexións de todos aqueles interesados nestas liñas de traballo, poidan estar presentes na propia voz dos seus autores, non importa onde se atopen.
Esta segunda edición busca acadar unha estrutura moito máis democrática e participativa, rachando o esquema convencional de congreso. Convoca a participación cidadá a través dunha plataforma de diálogo no que público e poñentes interaccionan no mesmo nivel. As intervencións serán moi curtas e concisas, aportando dinamismo ó Congreso, e sendo o punto de partida para o debate, que será realmente o protagonista. A estrutura da mesa de diálogo incorpora a dous comunicantes seleccionados por cada un dos bloques a través dunha convocatoria aberta. Trátase do primeiro Congreso que outorga igual importancia ao debate ca intervención dos poñentes, supoñendo a mesma duración ámbalas dúas partes.
O formato elixido de comunicación é o vídeo, facilitando a colaboración de calquera persoa interesada non importando onde se atope e ampliando o alcance do propio Congreso. Ao contrario ó que pasa nun congreso clásico onde as actas serven de punto de peche, nesta ocasión as conclusións, que estarán dispoñibles na rede, convidan á reflexión posterior ao encontro, permitindo a recepción de novas comunicacións que manterán vivo o debate. Este punto vén a fomentar a participación dun público activo e o carácter democrático desta cita.
Colaboradores a nivel internacional
Esta segunda edición conta co patrocinio científico das tres universidades galegas, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, catro universidades estatais, Valladolid, Zaragoza, Complutense e Autónoma de Madrid máis unha internacional, Universidade de Leicester (Gran Bretaña). Ademais o comité científico complétase con ICOM España, organismo que agrupa todos os museos estatais, o Observatorio de educación patrimonial, EducaThyssen – Thyssen Bonemisza, Museo provincial de León, MUSAC, Fundación Jiménez-Arellano de Valladolid, Maritim de Barcelona, Museo Arqueológico de Cacabelos, a Red Española de Profesionales de Museología social, Observatorio da Mariña pola Igualdade, e Mujeres en las Artes Visuales (MAV) así como outras plataformas de investigación, exhibición e difusión como o Festival Miradas de Mujeres, Píkara Magazine e Isköo espazo multidisciplinar.
A extensa rede de colaboradores da Rede Museística cubre deste xeito un espectro internacional, estatal e local poñendo en valor o traballo e o compromiso desta institución coa museoloxía social.