Lugo, 2 de xaneiro de 2015.- A Xunta de Galicia incrementou ao longo dos últimos meses a a dotación orzamentaria para a conservación e recuperación de espazos naturais situados en zona de Rede Natura correspondentes á provincia de Lugo.
Así o destacou a delegada territorial, Raquel Arias, que deu conta destas achegas, que “superan os 530.000 euros (530.990,46 euros), un 3,5% máis que as concedidas no exercicio 2013”, como asegurou.
En total, a máxima representante do Executivo na provincia expuxo que son 28 concellos da provincia de Lugo situados en Rede Natura os beneficiados polas axudas que concede a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) para recuperación, conservación e mellora dos espazos naturais.
“A pesares da situación actual, a Xunta segue a cumprir co seu compromiso de coidar o noso entorno, a nosa paisaxe, porque non só contribúe a preservar a nosa identidade, senón que tamén supón un importante atractivo económico e turístico”, indicou a delegada territorial.
Arias explicou que estas axudas van destinadas a sufragar tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e a favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais como hórreos, milladoiros, fontes, cabanas ou valos.
“Trátase de dar resposta á necesidade de contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, manifestou Arias, que agregou que o importe da subvención é do 100% do custe do proxecto, cun importe máximo de 20.000 euros por municipio.
O departamento autonómico pretende coa concesión destas axudas non só a recuperación do medio natural senón tamén “o fomento da protección dos espazos galegos e a concienciación pola defensa e conservación da natureza e dos seus elementos”, explicou Arias.
A Rede Natura é, ademais dun instrumento de conservación do medio natural, “un referente de sustentabilidade que brinda a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, ao potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúen á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio galego”, concluíu Arias.